A exposición 'Próxima Parada' réndelles homenaxe ás mulleres peregrinas e ao comercio local co apoio da Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe á presentación desta mostra de esculturas de peregrinas que se estende polos escaparates de 12 locais do casco histórico compostelán rexentados por mulleres

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación oficial da mostra Próxima Parada. As peregrinas toman a cidade, unha exposición viva na que as esculturas de peregrinas de Álvaro de la Vega toman os escaparates de 12 establecementos do casco histórico de Santiago de Compostela.

“Sempre é importante impulsar iniciativas culturais que promovan a lingua galega no comercio local por medio de accións que resulten atractivas para empresarios e clientes”, indicou o representante da Xunta de Galicia. O acto consistiu nun pequeno roteiro por tres dos comercios, todos eles rexentados por mulleres que optaron, cada unha no seu eido, polo comercio local e galego: Katuxa Plateros, especializada no deseño de xoias; Espadela, con produtos e moda de Galicia pero sobre todo vinculados coa lusofonía, e Fábrika Fan, na que teñen cabida desde a roupa e os complementos ata os libros, a música ou a artesanía.

Canda Valentín García tamén participaron nesta visita Gemma Soler, comisaria da exposición; Álvaro de la Vega, o escultor das pezas; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Iván Fernández, director de comunicación de Galicia Calidade, e Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Unha exposición con premio

Con esta mostra, a través das 12 esculturas policromadas realizadas todas en madeira polo artista Álvaro de la Vega, réndeselles homenaxe a todas as peregrinas que chegan cada día á cidade ao tempo que se simboliza o camiño que percorren todas as mulleres ao longo da súa vida. De aí tamén que todos os comercios elixidos teñan á súa fronte unha muller.

Pero, ademais, esta exposición ten premio para todos aqueles interesados en visitala. Entrando en calquera dos comercios incluídos obterase un mapa ilustrado da zona monumental de Compostela e un pasaporte que haberá que presentar na Libraría Couceiro para participar nun sorteo final dunha das esculturas unha vez conseguido o selo de nove dos comercios. O sorteo final será o vindeiro 15 de outubro ás 12,00 horas na dita libraría. Unha vez finalizado, a mostra pasará ao Museo das Peregrinacións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, onde permanecerá durante un mes.

A listaxe completa de locais participantes pode consultarse na propia web da exposición.