O proxecto 'Nanoeaters' finaliza mañá coa presentación das solucións nanotecnolóxicas desenvoltas para atender as necesidades das empresas da Eurorrexión

Na iniciativa, coordinada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), participaron sete centros tecnolóxicos e universidades de Galicia e Norte de Portugal

No acto de peche, investigadores e empresas exporán os resultados dos proxectos e experimentos pensados para os sectores agroalimentario, acuicultura, medio ambiente, automoción e saúde
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

Mañá mércores 22 de setembro, ás 10 horas, terá lugar a xornada de peche do proxecto Interreg Nanoeaters, liderado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia. Desde 2017, oito entidades lusas e galegas veñen colaborando para transferir e valorizar a nanotecnoloxía a pemes innovadoras da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.

A cita, enmarcada baixo o título Solucións nanotecnolóxicas orientadas ao mercado e de carácter virtual, servirá para dar a coñecer o traballo realizado polas universidades e centros tecnolóxicos galegos participantes –Universidade de Vigo (UVigo); Universidade de Santiago de Compostela (USC); Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de
Galicia-Gradiant; Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia-CTAG; Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (Aimen); e a Fundación Biomédica Galicia), baixo a dirección técnica do International Iberian Nanotecnology Laboratory (INL) desde Portugal. O obxectivo da xornada é compartir os resultados obtidos coas empresas dos sectores agroalimentario, acuicultura, medio ambiente, automoción e saúde, na procura de incrementar o impacto dos resultados obtidos e favorecer a súa implementación.

Así, as empresas galegas Conexiona e Strelia Electrotecnia explicarán as aplicacións de sensores de ultra baixo consumo para monitorizar o nivel de dióxido de carbono en invernadoiros e contedores de lixo públicos. A firma lusa Deifil estará dispoñible para atender as preguntas dos asistentes sobre os biosensores para a identificación da tipicidade do aceite de oliva producido na Eurorrexión, e Nasasbiotech resolverá posibles dúbidas acerca das aplicacións das tecnoloxías de microfabricación e nanoestructurado no ámbito de fabricación de dispositivos para o seu uso no campo da biomedicina. Gallaecia Broadcast e Energesis Home comentarán a utilidade e vantaxes do uso de luminarias LED intelixentes á hora de monitorizar a calidade de aire e polución lumínica. Así mesmo, tamén se explicará o uso da nanotecnoloxía no eido da detección das biotoxinas mariñas testado pola empresa Amslab.

Estas empresas, xunto a investigadores do INL, UVigo, USC, CTAG e Aimen, explicarán a actividade desenvolta durante os catro anos de duración do proxecto, nos que o consorcio levou a cabo 10 casos de uso, proxectos definidos co obxectivo de responder a necesidades específicas do tecido empresarial da Eurorrexión a través do desenvolvemento de solucións baseadas na nanotecnoloxía. Ditas iniciativas deron lugar a 7 experimentos colaborativos entre centros de investigación e empresas, dirixidos a crear oportunidades reais de explotación comercial en sectores como o agroalimentario, acuicultura, medio ambiente, automoción e saúde.

Os proxectos desenvoltos son: unha nova xeración de sistemas de iluminación LED aplicando nanomateriais e técnicas nanofotónicas (realizáronse dous experimentos coas empresas galegas Gallaecia Broadcast e Energesis Home); a detección precoz da fibrose; o desenvolvemento de biosensores para caracterización de aceite de oliva virxe extra (realizouse un experimento coa empresa portuguesa Deifil); método de detección rápida de toxinas en mariscos e peixes (un experimento desenvolto coa galega Amslab); un sistema para controlar a presión intraocular; a fabricación de sensores para a detección de biotoxinas mariñas; o desenvolvemento dun sensor de ultra baixo consumo con capacidade de comunicación (dous experimentos desenvoltos coas empresas galegas Conexiona e Strelia); o estudo e aplicación de tecnoloxías capacitivas en elementos de interface HMI do vehículo; a implantación de tecnoloxías de microfabricación e nanoestruturación para personalizar dispositivos nanofluídicos (un experimento coa empresa galega Nasasbiotech); e o desenvolvemento de novos biomarcadores para o diagnóstico do cancro colorrectal mediante estratexias baseadas en nanotecnoloxía.

Programa e inscricións: http://gain.xunta.gal/eventos/406/solucions+nanotecnoloxicas+orientadas+ao+mercado
 

Imaxes relacionadas