A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-453, entre Roxos e Portomouro, na contorna de Santiago

Acondicionarase a capa de rodadura nos treitos máis deteriorados nesta vía autonómica, no treito que vai do punto quilométrico 0 ao 3+40, ao seu paso polos concellos de Santiago, de Ames e do Val do Dubra

Estes traballos fan necesario o corte diúrno e o desvío do tráfico ata o vindeiro 7 de outubro, recuperándose a circulación cada día unha vez finalizada a xornada de traballo

O tráfico na zona de obras restrínxese a residentes e vehículos escolares, con circulación alternativa regulada con semáforos, desviándose o resto dos usuarios pola AC-554 e pola vía provincial DP-0203

A actuación forma parte da mellora en varias vías da Xunta, cun investimento de máis de 1 M€, e inclúen a AC-960 desde A Susana ata o límite con Vila de Cruces, e a AC-305 entre Padrón e Ribeira

A Xunta segue traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles vías máis seguras e cómodas aos cidadáns

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

A Xunta iniciou a execución das obras de mellora do firme da estrada AC-453, no tramo que une Roxos con Portomouro, na contorna de Santiago.

Os traballos de acondicionamento da capa de rodadura nos treitos máis deteriorados nesta vía autonómica ao seu paso polos concellos de Santiago, de Ames e do Val do Dubra suporán afeccións ao tráfico, sendo necesario o corte diúrno e o desvío do tráfico ata o vindeiro 7 de outubro.

Durante a execución das obras o tránsito diúrno neste tramo da vía autonómica, do punto quilométrico 0 ao 3+40, quedará restrinxindo a residentes e vehículos escolares, que poderán acceder mediante circulación alternativa regulada con semáforos. Para o resto de usuarios deste tramo, incluíndo os vehículos pesados de máis de 3,5 toneladas, habilítanse os correspondentes desvíos polas pola vía autonómica AC-554 e a vía provincial DP-0203.

A duración deste corte será durante a xornada de traballo, restituíndose cada día á circulación normal coa fin da xornada laboral. O tempo concreto que durarán estas afeccións ao tráfico dependerá das condicións meteorolóxicas e do avance dos traballos, aínda que se prevé que poidan finalizar o 7 de outubro.

Os traballos nas zonas máis deterioradas céntranse no fresado e na reposición do firme, en anchos variables, dependendo da posición e extensión das deficiencias. Nas zonas co firme fisurado pero sen deformación a rehabilitación consistirá na extensión dunha capa de rodadura en todo o ancho do carril.

As actuacións da Xunta completarase coa reposición da sinalización horizontal e do balizamento, ademais do repintado nas zonas nas que se realice o fresado e a mellora do firme.

Esta intervención forma parte das obras de acondicionamento do firme en varias vías autonómicas, nas que se inclúen, tamén estes mesmos traballos na AC-960 desde A Susana ata o límite con Vila de Cruces, e na AC-305 entre Padrón e Ribeira, cun investimento global da Xunta máis de 1 M€.

A Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.

Imaxes relacionadas