As directoras xerais de Desenvolvemento Pesqueiro e de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica responderon a distintas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A Rede de Observadores do Medio Mariño Galego permite vixiar posibles cambios no ecosistema

Susana Rodríguez explicou que calquera profesional ou afeccionado ao mar pode informar dos seus achados cubrindo un simple formulario no portal web ou na aplicación móbil de Redogal, que na actualidade conta con 82 rexistros de 75 especies diferentes

En relación á ría de Ferrol expuxo que o último informe coordinado polo Centro de Investigacións Mariñas sobre a evolución do banco das Pías constata que se produciu unha mellora nas taxas de recrutamento de ameixa froito das distintas accións desenvolvidas na zona desde 2019

Por outra banda, a directora xeral de Pesca explicou que Galicia considera negativa a resolución do Parlamento Europeo para promover a recuperación das poboacións de peixes pois, aínda que non é vinculante, só ten en conta o ámbito medioambiental e carece da visión socioeconómica da actividade

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, puxo hoxe en valor a utilidade da Rede de Observadores do Medio Mariño Galego (Redogal), impulsada pola Xunta co obxectivo de detectar e avaliar a presenza de especies mariñas non habituais no litoral galego que poidan ser indicadoras de cambios ou alteracións no ecosistema mariño ocasionados por factores como a introdución de especies exóticas, o quecemento das augas, a acidificación dos océanos ou a contaminación mariña.
Así o expuxo a directora xeral na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en resposta a unha pregunta sobre esta ferramenta. Alí tamén destacou o concepto de “ciencia cidadá” do que parte esta rede pois tamén busca involucrar ao conxunto da sociedade no seguimento e vixilancia do medio mariño mediante a alerta e comunicación de achados de especies raras ou non habituais nas costas da comunidade.
Nesta liña, sinalou que calquera profesional ou afeccionado ao mar pode informar dos seus achados cubrindo un simple formulario no portal web ou na aplicación móbil de Redogal. Esa información, explicou Susana Rodríguez, é avaliada por persoal experto da Consellería do Mar, que publica as especies como un novo descubrimento en caso de que así sexa e amplía o catálogo de especies rexistradas nas costas galegas. Ademais informou de que a día de hoxe Redogal conta con 82 rexistros de 75 especies diferentes.

Ría de Ferrol

Susana Rodríguez tamén respondeu a unha pregunta relacionada co marisqueo na ría de Ferrol. Segundo indicou, o último informe coordinado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) sobre a evolución do banco das Pías constata que se produciu unha mellora nas taxas de recrutamento de ameixa froito das distintas accións desenvolvidas na zona desde 2019. Así llo trasladou aos representantes das confrarías da ría nun encontro mantido en xullo. Ademais informou de que as primeiras mostras dos estudos que se están realizando este mes semellan que se mantén ese recrutamento.

Entre as melloras de rexeneración desenvolvidas no banco das Pías e que lembrou Susana Rodríguez están o seguimento das poboacións de moluscos bivalvos, o establecemento dun punto de control na contorna deste banco, a remoción de substrato nunha superficie de máis de 85.000 metros cadrados para aumentar a biodiversidade da zona ou a adición de áridos en 40.000 metros cúbicos de áridos nunha superficie de máis de 25.000 metros cadrados na zona leste do banco. A estes traballos engádese a realización de campañas de retirada de estrelas de mar -que poderían estar influíndo na mortalidade da ameixa babosa-.
Ademais, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro lembrou que entre os factores que inflúen na mortalidade da ameixa babosa na ría de Ferrol está tamén o parasito Perkinsus olseni, un aspecto que a Consellería do Mar tamén está a estudar a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar). Tamén engadiu que o Executivo galego vai continuar realizando un seguimento exhaustivo do banco e estudando todos os factores que inflúen na produtividade da ría de Ferrol.
Non obstante, o Executivo galego lembra que en setembro de 2018 a Subdelegación do Goberno na Coruña anunciou ás confrarías que ía encargar un estudo técnico e biolóxico da ría ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), un traballo que aínda non comezou e que sería fundamental para determinar os seguintes pasos a dar co obxectivo de mellorar a produtividade da ría de Ferrol.

Recuperación de poboacións pesqueiras

En relación a unha pregunta sobre a resolución do Parlamento Europeo con medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por enriba do Rendemento Máximo Sustentable (nivel óptimo de capturas que pode extraerse dunha poboación de peixes cada ano sen prexudicar o stock), a directora xeral de Pesca sinalou que aínda que se trata dun documento non vinculante, Galicia considérao negativo, pois só ten en conta o ámbito medioambiental e carece da visión socioeconómica da actividade.
Neste sentido, a comunidade galega ve demasiado restritivas e afastadas da realidade da frota as medidas que defende, máxime tendo en conta os esforzos xa realizados pola frota e que se reflicten no bo estado dos caladoiros nos que faenan.
Ademais expuxo que a comunidade galega avoga pola extensión das normas europeas en igualdade de condicións a todos os océanos do mundo e especialmente aos de terceiros países cos que se firman acordos de pesca. Nesta liña fixo fincapé na necesidade de que o control da pesca nestas zonas sexa igual para todas as frotas, coa finalidade de evitar un control total e exhaustivo sobre as flotas europeas e unha grande laxitude para as de outros países.
As consideracións sobre esta resolución foron abordadas entre a Administración galega e o sector no Consello Galego de Pesca e foron remitidas desde Galicia á Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Unión Europea (DG MARE), á Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, ao Consello de Ministros de Pesca da UE a través da Representación Permanente de España na UE (Reper) e á Presidencia de turno do Consello da UE, que actualmente ostenta Eslovenia.