A Xunta somete a información pública o proxecto de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no Concello de Arteixo

Esta actuación, que suporá un investimento de máis de 150.000 €, desenvolverá o itinerario nesta vía autonómica nun treito que coincide cunha intersección, reformulando ese cruce para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda

O proxecto forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil na contorna, que xa conta en sentido Arteixo cun camiño para peóns paralelo á vía, e con beiravía protexida que será obxecto dunha actuación de mellora posterior

A actuación esténdese polo tramo que percorre a AC-552, entre os puntos quilométricos 5+130 e 6+110, con actuacións diferenciadas no itinerario en tres tramos

Tamén prevé a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a incorporación á AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón

As persoas que o consideren oportuno poderán formular observacións ao proxecto, desde mañá e ata o vindeiro día 4 de novembro

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública a redefinición do proxecto de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo, que suporá un investimento de máis de 150.000 euros.

Trátase de desenvolver un itinerario nesta vía autonómica nun treito que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria, e habilitando o espazo para o encaixe da senda.

O procedemento de información pública permanecerá aberto desde mañá e ata o vindeiro día 4 de novembro, co obxectivo de que as persoas que o consideren oportuno poidan formular observacións e achegas relativas ao proxecto. No seguinte enlace ao DOG pode consultar a información: https://xurl.es/m3j7z

Este proxecto forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. Así, este itinerario xa conta en sentido Arteixo cun camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza cunha beiravía protexida con balizas que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.

A actuación proxectada comprende o tramo que percorre a AC-552, entre os puntos quilométricos 5+130 e 6+110, e recolle tres partes diferenciadas para o seu desenvolvemento.

A primeira actuación comeza na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, o vial actual ampliarase cara o noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mamposteria.

A segunda intervención recollida no proxecto céntrase no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.

A terceira actuación ocúpase do tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, dándolle continuidade ao itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.

Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á estrada AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.