A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto coa directora de Augas de Galicia, presidiu hoxe a xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia

Ethel Vázquez sinala a futura Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga como unha ferramenta para mellorar o funcionamento deficiente da metade das depuradoras municipais

Vázquez Mourelle destaca que a lei, que se está a tramitar coa máxima transparencia e participación, fixará un marco normativo para ordenar, reforzar e estender o apoio da Xunta aos concellos en materia de augas

Sinala que o modelo, que non crea ningunha taxa nin sobe as que xa hai, estará ao servizo dos concellos que pidan que a Xunta lles axude a xestionar os servizos da auga

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sinalou hoxe a futura Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga como unha oportunidade para mellorar o funcionamento deficiente que presentan actualmente preto da metade das depuradoras municipais xestionadas polos concellos.
Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, interveu hoxe na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia, onde concretou que o correcto funcionamento das depuradoras contribuirá á mellora da calidade de vida dos cidadáns, do medio natural e da actividade económica.
Lembrou que o abastecemento, a depuración e o saneamento son competencias dos concellos, pero a maioría das Administracións locais teñen grandes dificultades para exercer de forma axeitada esa responsabilidade.
Neste sentido, sinalou que a lei, que se está a tramitar coa máxima transparencia e participación, ten como fin de establecer un marco normativo para ordenar, reforzar e estender o apoio que a Xunta xa vén prestando aos concellos en materia de augas.


Destacou que para responder á demanda dos concellos creouse un novo modelo de xestión dos sistemas do ciclo integral da auga caracterizado pola eficacia, a eficiencia e a corresponsabilidade entre administracións.
Remarcou que a nova lei non leva aparellada a creación de ningunha taxa nin a suba das que xa hai.
Ademais, puntualizou que este modelo será voluntario e ao servizo dos concellos que pidan que Augas de Galicia lle axude a xestionar os servizos da auga.
Apuntou que a Xunta está disposta a prestar ese apoio e mesmo a incrementalo a través dun sistema que garanta a calidade dos servizos con boa xestión e coa implicación das distintas administracións, incluídas as deputacións, que deben axudar aos municipios.
Por outra parte, na xuntanza do Consello Reitor de Augas de Galicia tamén se realizou o seguimento dos traballos desenvolvidos no marco do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa e do Plan de xestión de risco de inundación.
A conselleira indicou que se trata de dous instrumentos de planificación que guiaron a acción de Augas de Galicia nestes últimos 6 anos. Detallou que están rematando a súa vixencia, polo que a Xunta está a avanzar na tramitación dos plans do novo ciclo.

Proposta de sanción

Doutra banda, no encontro tamén se presentou a proposta de resolución sancionadora contra a empresa que xestiona o encoro do Eume, Endesa, polas actuacións que o verán pasado provocaron o episodio de turbidez que deixou sen abastecemento a Pontedeume durante máis dunha semana.
Ethel Vázquez recordou que naquel momento se iniciou un procedemento sancionador, que agora culmina cunha proposta de sanción a Endesa de case 1,9 M€ polo episodio de turbidez do Eume, sanción que hoxe se someteu á votación do Consello Reitor.
Sinalou que a concesionaria do encoro do Eume vulnerou o establecido nas normas de explotación, desatendeu os requirimentos da comisión de desembalse e causou un prexuízo ao Dominio Público hidráulico, polo que ese proceder non pode quedar impune.
Explicou que logo das desproporcionadas baixadas de nivel este verán en encoros da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil, de competencia estatal, o Goberno galego acredita que, coa normativa actual, é posible controlar as actuacións das empresas que xestionan os encoros, como fai a Xunta.

Imaxes relacionadas