Luis López salienta que o novo enlace da vía de altas prestacións AG-41 en Sanxenxo mellorará a fluidez do tráfico nunha conexión que chega aos 30.000 vehículos diarios

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra supervisa o comezo das obras e o funcionamento dos desvíos de circulación nunha visita xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín

A actuación, que conta cun orzamento de 335.000€, precisará de cortes de tráfico e de accesos alternativos durante os vindeiros tres meses

A obra consiste na reconstrución do ramal, entre a autovía do Salnés e a estrada PO-504 procedente do Grove, cun radio de xiro axeitado, así como noutras actuacións de reforzo da seguridade viaria
 

Sanxenxo, 21 de setembro de 2021.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou esta mañá unha visita de supervisión ao comezo das obras de mellora da capacidade do enlace da Vía de Altas Prestacións (VAP) AG-41 coa estrada autonómica PO-504, ao seu paso polo municipio de Sanxenxo, e destacou que a nova conexión mellorará a fluidez do tráfico nun punto que chega a alcanzar, especialmente durante o verán, os 30.000 vehículos diarios.

“Estudouse dende o punto de vista técnico este ramal e determinouse que é posible acadar unha circulación máis axeitada e unha mellor conectividade, que ademais reducirá os atascos durante os meses estivais, polo que acometemos unha obra necesaria que arranca agora para non causar trastornos durante a época turística central”, explicou o representante autonómico.

Luis López, que comprobou este inicio dos traballos acompañado polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, explicou que esta actuación vai precisar, pola súa complexidade técnica, de cortes de tráfico e de desvíos alternativos durante os tres vindeiros meses. Neste senso, aproveitou a súa visita á zona para comprobar que os accesos habilitados por outras vías da contorna están a funcionar axeitadamente nestes primeiros días.
A actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), conta cun orzamento de 335.000 euros e consiste na reconstrución do ramal que conecta a Autovía do Salnés coa PO-504 para os vehículos procedentes do Grove dotándoo dun radio de xiro máis aberto que facilitará o acceso na entrada da localidade de Sanxenxo. Deste xeito, poderase eliminar o stop existente nesta zona e evitar a ralentización do tráfico.

Paralelamente, o proxecto prevé a ampliación da plataforma da estrada entre as glorietas do enlace de Sanxenxo e da PO-504 e a habilitación dun carril de acceso directo adicional, así como diversas medidas de reforzo da seguridade viaria, como a recolocación de báculos de iluminación, a renovación da sinalización e a colocación de balizas de separación dos sentidos circulatorios no ramal acometido entre ambas rotondas.
 

Imaxes relacionadas