O presidente da Xunta asistiu esta mañá á inauguración do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena)

Feijóo destaca o papel estratéxico na dixitalización do naval que desempeñará desde Ferrol o Cesena, chamado a ser o centro de referencia nun futuro PERTE do sector

Avanza que a instalación, localizada no CIS Tecnoloxía e Deseño da Xunta, fomentará a creación de ecosistemas cos principais axentes desta industria; impulsando tecnoloxías propias para a transformación dixital; e apoiará ás universidades e centros de FP, de cara á actualización de coñecementos

Salienta que a posta en funcionamento do Cesena é un exemplo do compromiso que a Administración autonómica ten coa comarca a través do Pacto de Estado con Ferrol

Ferrol, 21 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o papel estratéxico na dixitalización do naval que desempeñará desde Ferrol o Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), chamado a ser, afirmou, a instalación de referencia nun futuro PERTE desta industria.

Durante o acto de inauguración, Feijóo aseverou que a posta en marcha do Cesena na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Xunta de Galicia, supón un fito: “Un fito polo aquí porque está en Ferrol. E polo agora, porque se necesita reactivar o sector naval e moi especialmente os estaleiros de Ferrol”, explicou.

Nesta liña, avanzou que o Cesena desenvolverá a súa actividade sobre tres eixes: a colaboración, fomentando a creación de ecosistemas cos principais axentes do sector -Navantia, estaleiros privados, industria auxiliar e cadea de subministración-; a innovación, impulsando tecnoloxías propias para a transformación dixital do sector; e a educación, apoiando ás universidades e centros de Formación Profesional, con programas académicos para que as novas xeracións saian ao mercado laboral cos coñecementos máis actualizados sobre transformación dixital.

Logo de precisar que este centro estará integrado na rede internacional de centros de excelencia marítimos dos que dispón Siemens nas principais zonas de construción naval do mundo, Feijóo fixo fincapé en que este futuro 4.0 é o único percorrido posible para unha industria que precisa da implicación de todos os actores. “E por iso seguiremos insistindo en que se dea ao naval un lugar preferente nos fondos europeos e en que se avance na construción do dique cuberto, clave para a modernización de Navantia Ferrol e para a súa competitividade, diminuíndo os custos da construción”, resaltou.

Por parte da Xunta, subliñou que o apoio ao sector no eido da I+D+i e a este centro queda patente nos 4,6 millóns de euros que leva investido estes últimos anos a través da Axencia Galega de Innovación e que permiten mobilizar máis de 17 millóns.

Así mesmo, o titular da Executivo galego trasladou o convencemento de que a dobre transición enerxética e dixital ten que abrir un marco de oportunidades para a industria de Ferrol da man dos fondos europeos. “Os Next Generation son a chave para transformar a cadea de valor desta industria estratéxica e a instrumentación de apoio a través dun PERTE permitiría estas axudas”, dixo, lembrando que os proxectos que aspiran a ser seleccionados polo Goberno como PERTES son aqueles que presentan un carácter estratéxico con gran capacidade de arrastre para o crecemento económico, o emprego e a competitividade.

Sobre este punto, destacou os traballos con Pymar, Navantia e Siemens, reflectidos nunha candidatura que inclúe iniciativas tractoras para todo o sector -estaleiros públicos, privados e cadea de valor-, baseadas na dixitalización, a robotización e o incremento da sustentabilidade ambiental.

Unha candidatura que contempla máis de 90 proxectos a desenvolver entre 2021 e 2026, cun investimento de 580 millóns de euros e que integra a 15 estaleiros, 65 empresas auxiliares, sete socios tecnolóxicos e 20 centros de coñecemento e universidades. Ademais da creación de 1.700 empregos e cun efecto total na economía de máis de 3.000 millóns de euros.

Feijóo concluíu, precisando que a posta en funcionamento deste centro é un exemplo do compromiso que a Administración autonómica ten coa comarca a través do Pacto de Estado con Ferrol.

Imaxes relacionadas