A Xunta destinou este ano 2,5M€ a apoiar melloras de 173 asociacións de veciños da Comunidade

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron a asociación veciñal, cultural e deportiva Monte da Mina de Castrelos, que este ano recibiu apoio da Xunta para reparar a cuberta do seu local social no marco das axudas do Plan de acción comunitaria

Concretamente na área de Vigo foron concedidas 43 subvenciones por importe de 601.241€ e no concello vigués recibiron axudas 14 asociacións con máis de 201.000 euros

A Xunta aposta pola dinamización da vida local co apoio ao funcionamento das entidades veciñais a través destas axudas, que no caso da provincia de Pontevedra supoñen un investimento de máis de 1,2M€ en 89 entidades

O Goberno galego financia a través desta convocatoria obras nas instalacións de asociacións de veciños e mulleres rurais e de comunidades de usuarios de auga, así como a adquisición de equipamento ou reparación de traídas de auga

Vigo, 21 de setembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron hoxe o local social da asociación veciñal, cultural e deportiva Monte da Mina de Castrelos, que recibiu este ano 12.000 euros para a reparación da pintura impermeabilizante na cuberta ao abeiro da convocatoria das axudas incluídas no Plan específico de acción comunitaria.

A Xunta investiu este ano 2,5 millóns de euros nesta liña de axudas, mantendo o orzamento do ano pasado, nesta liña de axudas dos que se beneficiaron na comunidade 173 asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. Concretamente na área de Vigo foron concedidas 43 subvenciones por importe de 601.241€ e no concello vigués recibiron axudas 14 asociacións con máis de 201.000 euros

Na provincia de Pontevedra resultaron beneficiarias 89 entidades como a de Monte da Mina ás que se destinou um investimento de máis de 1,2 millóns de euros. No caso da provincia de Ourense, 41 entidades recibiron máis de 619.100 euros; na de Lugo a Xunta distribuíu máis de 433.400 euros para 30 organizacións; e 12 asociacións da provincia coruñesa percibiron máis de 196.400 euros desta convocatoria.
Natalia Prieto enmarcou as axudas na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade e vida local, mediante investimentos tanto de obras nos locais sociais como na dotación do equipamento necesario para levar a cabo as súas actividades, así como actuacións nas traídas de auga veciñais. 
As asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais beneficiarias recibirán apoio para financiar os seus proxectos relacionados co acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e compra de novos equipamentos, o que lles permitirá manter o seu funcionamento, así coma a prestación de novos servizos e a organización de actividades.

No caso das comunidades de usuarios de augas, ademais dos anteriores investimentos, poderán destinar estas axudas a obras de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias.

Imaxes relacionadas