A Xunta colabora coa entidade de formación da Fundación ONCE, Inserta Emprego, para acreditar a cualificación de 200 persoas con discapacidade

A Consellería de Emprego e Igualdade, a Fundación ONCE e Inserta Emprego veñen de asinar un convenio que renova a colaboración entre as tres entidades

Recoñecerase, por medio de certificados de profesionalidade, a formación impartida a unhas 200 persoas con discapacidade en materia de atención á dependencia, actividades administrativas, seguridade, almacén, comercio e limpeza

O Goberno galego favorece con esta iniciativa o recoñecemento da cualificación profesional dos alumnos de doce cursos ofertados por Inserta Emprego, co obxecto de mellorar as súas opcións laborais

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade, a entidade de formación da Fundación ONCE, Inserta Empleo, e a propia Fundación, veñen de asinar un convenio que permitirá á Xunta acreditar a formación que uns 200 alumnos con discapacidade recibirán no marco dos programas operativos de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 e de Emprego Xuvenil que desenvolve a ONCE, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
A Xunta contribuirá a acreditar a cualificación impartida pola Fundación ONCE, a través de Inserta Emprego, por medio de doce itinerarios formativos (9 en modalidade presencial e 3 en liña) a persoas con discapacidade, o que lles permitirá mellorar as súas opcións ante o mercado laboral. Unha vez rematada a formación, e constatado o cumprimento de requisitos das persoas participantes, a Consellería de Emprego e Igualdade, emitirá os correspondentes certificados de profesionalidade.
As accións formativas previstas por Inserta Emprego ata o próximo novembro, que irán das 210 ás 800 horas segundo a temática, impartiranse na Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e Ourense.
En modalidade presencial, con grupos de 15 alumnos, ofrecerase capacitación en materia de vixilancia, seguridade privada e protección de persoas; actividades auxiliares de almacén; actividades administrativas na relación co cliente; operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais; limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e actividades auxiliares de comercio. A formación en liña, pola súa banda, focalizarase na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais; actividades administrativas en relación co cliente e docencia da formación profesional para o emprego.
A Xunta avoga pola formación profesional como instrumento básico, dentro das políticas activas de emprego, para potenciar a inserción e reinserción profesional das persoas con discapacidade mediante a cualificación ou posta ao día das súas competencias profesionais. Tamén para das resposta eficaz ás demandas do mercado de traballo cara a atender novas oportunidades de emprego.
Tanto a Consellería de Emprego e Igualdade, como Fundación ONCE e Inserta Emprego comparten que no momento actual é preciso actuar conxuntamente e tomar medidas combinadas que supoñan a optimización dos recursos para incentivar e dinamizar o mercado e fomentar a cualificación dos recursos humanos.

Imaxes relacionadas