O presidente da Xunta participou na presentación do libro póstumo de Dositeo Rodríguez: Mis años con Fraga. El gobierno desde la cocina

Feijóo apela á vocación integradora e reformista que debuxaron os “arquitectos” da nosa autonomía para seguir afondando na senda do progreso social e económico

Resalta que o libro presentado hoxe achega a visión dun xestor que actualizou a Administración galega con proxectos como a Reforma da Función Pública

Afirma que Galicia exerce un autonomismo como medio “para”; “para achegar solucións desde o coñecemento próximo á nosa realidade, para xerar benestar e para resolver problemas en vez de crealos”
 

Santiago, 20 de setembro de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á vocación integradora e reformista que debuxaron os “arquitectos” da nosa autonomía para seguir afondando na senda do progreso social e económico.
Durante a presentación do libro póstumo de Dositeo Rodríguez: Mis años con Fraga. El gobierno desde la cocina, Feijóo afirmou que ese sólido edificio autonómico que Dositeo axudou a levantar con “esforzo e honestidade”, é a mellor base sobre a que construír unha Galicia renovada, dixital, verde e conectada.

“Igual que outros homes da súa xeración entregados ao servizo público, Dositeo Rodríguez foi un político do seu tempo que, non obstante, soubo anticiparse aos cambios e necesidades que Galicia requiría neses intres, utilizando a súa experiencia como xestor para erixir unha administración máis moderna e profesional que se adaptase aos desafíos dun autogoberno nacente”, explicou, incidindo en que todos eles deixaron un legado público inmenso que permitiu consolidar o noso modelo autonómico actual, e que abriu una senda que hoxe en día seguimos a camiñar para edificar a Galicia que está por vir.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta lembrou que Galicia exerce un autonomismo como medio “para”; “para achegar solucións desde o coñecemento próximo á nosa realidade, para xerar benestar e para resolver problemas en vez de crealos”.
Nesta liña, afirmou que o libro presentado hoxe achega a visión dun xestor que actualizou a Administración galega con proxectos como a Reforma da Función Pública, “un fito que modernizou profundamente o noso modelo de autonomía”.

“Grazas a figuras políticas como Fraga e Dositeo, a estrutura autonómica alcanzou un novo nivel de sofisticación nos anos 90 e principios deste século ata converterse nun arquetipo de transformación, modernidade e cohesión social que chegou ata os nosos días”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta