Feijóo destaca que Galicia traballará para que a nova Política Pesqueira Europea recoñeza as particularidades do sector na Comunidade

Traslada ao comisario europeo do ramo que a Xunta xa está a traballar co Consello Galego de Pesca para fixar unha postura

No eido ambiental, resalta a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, para os que Galicia ten presentado unha candidatura con proxectos solventes que teñen na sostibilidade un eixe clave como a iniciativa AutoÁncora
 

Vigo, 20 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao Comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca da Comisión Europea, Virginijus Sinkevicius, que Galicia traballará para que a nova Política Pesqueira Común (PPC) europea recoñeza as particularidades do sector na comunidade.

Nesta liña, e durante unha visita ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, na que tamén estivo o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, Feijóo e o comisario europeo avaliaron os horizontes nos que se basea a proposta galega, entre os que destacan: un marco comercial equilibrado e o cumprimento das normas no mercado internacional; a sustentabilidade da pesca; a súa adaptación ao cambio climático e á alimentación segura e de calidade; e a necesidade dunha cogobernanza global para loitar contra a pesca ilegal.

Feijóo recordou que o Goberno galego xa está a traballar co Consello Galego de Pesca para fixar a postura da comunidade na defensa dos seus intereses. Ademais do impacto do Brexit, ambos falaron tamén da necesidade de que o futuro regulamento de control pesqueiro teña en conta as particularidades da pesca artesanal galega.

Sendo Virginijus Sinkevicius unha das autoridades europeas de referencia na implantación do Pacto Verde, o responsable do Goberno galego resaltou a oportunidade que neste eido supoñen os fondos europeos Next Generation, para os que Galicia ten presentado unha candidatura con proxectos solventes que teñen na sostibilidade un eixe clave, como a iniciativa AutoÁncora ou a estratexia de Crecemento Azul desenvolvida co Porto de Vigo.

Así mesmo, expuxo o interese da Comunidade por impulsar a xestión sostible dos bosques, a través dun proxecto integral que persigue: activar áreas forestais que actualmente non son explotadas; previr os incendios forestais e loitar contra o cambio climático; diversificar o monte aumentando a presenza das especies autóctonas; incrementar a creación de valor das cortas; e investir na reciclaxe a gran escala de residuos téxtiles para producir fibras celulósicas sustentables.

Por último, aproveitando a visita ás illas Cíes, que este ano xa visitaron 270.000 persoas, Feijóo salientou que o 42% do territorio galego está amparado por algunha figura de protección, grazas á incorporación, a pasada semana, da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.
 

Imaxes relacionadas