Xunta e Fiscalía Superior de Galicia acordan artellar unha colaboración para o acceso dos fiscais ás bases de datos do Goberno galego en materia de menores

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron esta mañá a Comisión Mixta da Fiscalía

No seo da reunión tratouse a posta en marcha das medidas de apoio para a revisión de medidas en materia de discapacidade da nova Ley 8/2021, que establece unha nova regulación na materia e obriga á revisión dos actuais procedementos xudiciais

Alfonso Rueda indicou que se acordou tamén seguir co protocolo de actuación Oficinas de Atención ás Vítimas, co obxectivo de prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada, en especial aos menores de idade e ás vítimas especialmente vulnerables durante o proceso xudicial

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron esta mañá a Comisión Mixta da Fiscalía, á que tamén asistiron os fiscais da Unidade de Apoio, Francisco Moreno e Raúl Mártinez; os Fiscais-Xefes provinciais e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.
Na reunión da Comisión Mixta acordouse facilitar o acceso por parte dos fiscais ás bases de datos da Xunta no que se refire á protección de menores, polo que se se asinará proximamente un convenio de colaboración para habilitar este acceso.
No seo da reunión tratouse tamén a posta en marcha das Medidas de apoio para a revisión de medidas en materia de discapacidade da nova Lei 8/2021, que establece una nova regulación na materia e obriga á revisión dos actuais procedementos xudiciais de incapacidade nun prazo de 3 anos, polo que se prevé como un incremento de traballo para os fiscais especialistas nesta materia.
Acordouse tamén seguir co desenvolvemento do protocolo de actuación para o funcionamento das Oficinas de Atención ás Vítimas, co obxectivo de prestar unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas como consecuencia do delito, en especial aos menores de idade e ás vítimas especialmente vulnerables durante o proceso xudicial.
Polo que Xunta e Fiscalía seguen avanzando para consolidar o modelo de atención asistencial desde as Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV), que abarca dende a intervención psicolóxica, na que os psicólogos levan a cabo unha avaliación individualizada da vítima que determina a forma de previr e evitar as consecuencias da vitimización secundaria, e ademais agora co estudo e aplicación das medidas de protección que minimicen tamén os trastornos psicolóxicos e propostas para a asistencia e protección da vítima durante o proceso.

Imaxes relacionadas