A Xunta asina co concello da Pobra do Caramiñal o convenio para continuar a xestión autonómica da depuradora municipal nos vindeiros 2 anos, cun investimento de 1,7 M€

Trátase dun apoio económico e financeiro da Xunta ao concello da Pobra nas súas competencias municipais de depuración

O Goberno galego acumula un investimento de 11,5 M€ na xestión da depuradora municipal da Pobra, da que se fai cargo desde hai 13 anos

Augas de Galicia asume, ademais da correcta explotación da planta, a responsabilidade de conservación das instalacións para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento

A Xunta tamén acometerá unha actuación complementaria na depuradora, que consistirá na substitución do equipo de desinfección, cun investimento de 206.000€

A Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga que se está a tramitar permitirá que máis concellos que o soliciten poidan encomendarlle a Augas de Galicia a xestión dos seus sistemas de saneamento, depuración e abastecemento
 

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2021

A Xunta asinou hoxe co Concello da Pobra do Caramiñal o convenio de colaboración polo que Augas de Galicia continuará a encargarse da xestión da depuradora municipal durante os vindeiros dous anos, que suporá un investimento de 1,7 millóns de euros.

Trátase dun apoio económico e financeiro da Xunta ao concello da Pobra nas súas competencias municipais de depuración.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, selaron hoxe o acordo polo que se dá continuidade á explotación e o mantemento da depuradora por parte de Augas de Galicia.
O Concello da Pobra do Caramiñal solicitou en abril a continuidade da xestión autonómica das instalacións hidráulicas, que vén prestando Augas de Galicia desde hai 13 anos, supoñendo un investimento global de 11,5 millóns de euros.

A través dun contrato de explotación das instalacións xa licitado o pasado mes de agosto, Augas de Galicia asume, ademais da xestión da planta, os traballos de conservación das instalacións que formen parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento.

No marco deste mantemento das instalacións hidráulicas da Pobra do Caramiñal, a Xunta tamén levará a cabo unha actuación complementaria na depuradora, que consistirá na dotación dun novo sistema terciario.

O proxecto, xa supervisado, suporá un investimento autonómico de preto de 206.000 euros e centrarase na substitución do equipo de desinfección, para o que será necesario alongar o canal mediante unha estrutura metálica. Tamén se implantará un sistema de monitorización enerxética.
 

Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

A pesar de que a prestación dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración é unha responsabilidade de carácter municipal, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o precisen.

Co obxectivo de reforzar e ordenar ese apoio, a Xunta está a tramitar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, como unha ferramenta para achegar solucións ás necesidades de saneamento dos municipios e mellorar a calidade das augas.
A nova norma facilitará os investimentos na mellora dos sistemas, mediante unha corresponsabilidade das administracións, e asegurará unha axeitada prestación dos servizos ao asumir Augas de Galicia a explotación das infraestruturas dos concellos que así o soliciten.

O Goberno galego, a través da futura lei, ofreceralles aos municipios a encomenda da xestión dos seus sistemas de abastecemento e depuración para que poidan ter garantido que lle prestan aos seus cidadáns servizos eficaces e dirixidos de forma profesional.
 

Imaxes relacionadas