O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo hoxe coas familias e o persoal no primeiro día de actividade

A Xunta abre unha nova escola infantil en Paderne de Allariz con 41 prazas

A entrada en servizo deste centro, inicialmente con once nenas e nenos, eleva a 146 o número de escolas que forman parte da rede pública autonómica A Galiña Azul

As instalacións contan con tres unidades, e están pensadas como un servizo supramunicipal para dar servizo a familias de toda a contorna

Paderne de Allariz (Ourense), 20 de setembro de 2021

A Xunta puxo hoxe en servizo con once nenas e nenos a nova escola infantil de Paderne de Allariz, coa que o número de centros pertencentes á rede pública autonómica A Galiña Azul ascende neste curso 2021-22 a 146. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, estivo esta mañá coas familias e o persoal da escola neste primeiro día de actividade, acompañado do delegado territorial da Administración autonómica en Ourense, Gabriel Alén; do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e do alcalde padernés, José Manuel Fernández.
Perfecto Rodríguez sinalou a importancia desta nova escola infantil para facilitar a conciliación da veciñanza de Paderne de Allariz e dos concellos da contorna, pois ten unha capacidade máxima de 41 prazas e tres unidades que se cubrirán en progresivas convocatorias e cursos. Ao respecto, explicou que este centro está pensado como un equipamento de carácter supramunicipal para dar servizo a familias que residen en municipios próximos.
Nesta liña, o xerente do Consorcio agradeceu a implicación da Mancomunidade de concellos da comarca de Ourense en facer realidade este novo servizo, que pode axudar a fixar e atraer poboación nesta zona rural.

Investimento e características

A escola infantil de Paderne de Allariz abre as súas portas tras rematar unhas obras que se iniciaron no verán de 2019 e tras un investimento de 618.000 euros. Desta contía, a Xunta achegou 493.000 euros para a súa construción e equipamento, cun 80% procedente do Fondos Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O resto do financiamento correu a cargo da Mancomunidade, a través dunha subvención da Deputación Provincial de Ourense.
O inmoble consta dunha soa planta e ten unha superficie total construída de preto de 400 metros cadrados. Dispón dun espazo reservado para as aulas, cos seus correspondentes aseos e cambiadores; almacéns; zona de lavandería; sala de usos múltiples; cociña; estancias para profesorado e dirección; zona de carriños; e vestíbulo e sala de espera.

Imaxes relacionadas