A Xunta mantén aberta a convocatoria para fomentar as exportacións de grandes empresas

Este programa, ao igual que as axudas dirixidas directamente a pequenas e medianas empresas, adáptase ao actual contexto provocado pola covid-19, facilitando a súa asistencia a eventos de promoción tanto en formato presencial como noutros alternativos, como o dixital, con especial relevancia nesta convocatoria

Aberta ata o 27 de setembro, esta liña enmárcase nas accións de promoción que o Goberno galego está realizando dentro da Estratexia de internacionalización 2021-2025 e ás que destinará 15,5M€ para acompañar a máis de 1000 empresas
 

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2021

No marco da nova Estratexia de Internacionalización de Galicia 2021-2025, a Xunta está a destinar actualmente un total de 15,5M€ para acompañar a máis de 1000 empresas no seu proceso exportador, así como para impulsar accións de promoción, dando resposta a un dos principais eixes desta folla de ruta.

Deste xeito, no marco da liña destinada ao fomento das exportacións galegas, que conta con 2,3 millóns de euros para accións de internacionalización do tecido produtivo da Comunidade, agárdase chegar a 630 compañías en total.

O programa, que desenvolve a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, suma, para o período 2021-2022, preto de 200 accións de internacionalización do tecido produtivo en 20 países.

Entre os mercados prioritarios de acción comercial sitúanse China, India, Israel, Xapón, Portugal, Marrocos, Brasil, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas. A Xunta apoia o 90% da misión comercial -con 80% de cofinanciamento Feder- no caso das pemes e contempla ata un 70% nas axudas ás empresas tractoras.

De cara a fomentar a súa participación nas accións de promoción e favorecer a súa imaxe nos mercados exteriores, destínanse en total 2 millóns a pequenas e medianas empresas, contía que se complementa con 300.000 euros para integrar a grandes compañías outorgando así unha maior dimensión ao programa. Agárdase, polo tanto, a captación de empresas de maior tamaño na procura de que actúen como tractoras das pequenas e medianas firmas galegas na súa expansión internacional.

Cómpre destacar que este programa para grandes empresas -ao igual que ocorre no dirixido directamente a pemes- se adapta ao actual contexto do comercio a nivel mundial provocado pola pandemia da covid-19, as súas consecuencias económicas e as medidas de protección. Así, permítese que as empresas poidan participar nas accións de internacionalización en misións comerciais directas, feiras internacionais e en eventos promocionais durante 2021 e 2022, tanto en formato presencial como noutros alternativos, como o dixital.

Así, entre outras accións, facilítase o acceso das compañías a servizos de interpretación dixital para eventos realizados en liña ou a adquisición de cotas de participación en eventos expositivos virtuais. A convocatoria dirixida a grandes empresas está aberta ata o 27 de setembro.

Ademais deste programa, a Xunta ten en marcha Galicia Exporta, unha iniciativa coa que se pretende facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas xa internacionalizadas para que amplían a súa presenza nos mercados. Nesta convocatoria, esta liña está permitindo achegar 7,2M€ de orzamento a 244 empresas e 22 organismos intermedios. Con Galicia Exporta Dixital agárdase impulsar as vendas no exterior de ao redor de 180 empresas a través de ferramentas dixitais innovadoras e un investimento de 6M€.

Por outra banda, a Xunta buscará impulsar plans sectoriais nas industrias vitivinícola e contract que facilitarán tanto a internacionalización das súas empresas como a cooperación entre os diferentes axentes.
Con esta Estratexia, a Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e da dixitalización. Un esforzo compartido que xa se vén levando a cabo e que ten permitido –segundo as últimas cifras de exportacións publicadas, relativas ao primeiro semestre deste ano–, acadar un crecemento do 31% con respecto ao mesmo período do ano pasado e mesmo mellorar os datos anteriores á pandemia, sumando preto dun 8% máis que nos primeiros seis meses de 2019.
 

Imaxes relacionadas