Sanidade conmemora o Día Mundial do Doante de Médula Ósea e lembra a importancia da sensibilización social a prol deste xeito de doazón

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salienta que, na actualidade, máis de 13.000 galegos e galegas están tipados no REDMO, Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea

Desde Galicia, estase a traballar intensamente a prol dun maior coñecemento e promoción deste xeito de doazón, sendo ésta unha das liñas mestras de traballo da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos 2020-2025
 

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comeseña, presidiu esta mañá un acto, que tivo lugar ao carón da unidade móbil de doazón da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que visitaba a viguesa Rúa Príncipe, lembrando a necesidade de achegar o coñecemento sobre a doazón de medula ósea entre a cidadanía co gallo da conmemoración, este sábado 18 de setembro, do Día Mundial do Doante de Medula Ósea.


O titular do departamento de Sanidade do executivo galego estivo acompañado pola directora de ADOS, Marísa López García, e polo presidente de ADROVI, Celso García Estévez, quen instalou unha mesa informativa para promover este xeito de doazón entre a cidadanía.

Julio García Comesaña salientou que ADOS é centro de referencia en Galicia para a tipaxe de doantes de medula ósea no REDMO (Rexistro Español de Doantes de Médula Ósea) desde hai máis de dúas décadas e, na actualidade, 13.054 galegos e galegos figuran neste rexistro como doantes dispoñibles.

Actualmente, ADOS está implementando as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, que ten por obxectivo acadar un nivel de autosuficiencia do 35% no ano 2022, sendo unha das liñas mestras de traballo da Estratrexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hemaxopoéticos para os anos 2020-2025 (ENTPH).

Mellorar coñecemento

Un dos aspectos máis salientables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón e Órganos e Sangue está a traballar intensamente, -segundo manifestou o conselleiro de Sanidade-, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos, máis popularmente coñecido como transplante de medula ósea.

Neste sentido, salientar que a Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibillidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federation for Immunogenetics (EFI), desde o ano 1998, renovada periodicamente. Esta unidade, -manifestou Julio García Comesaña-, foi recentemente reformada e modernizada, dispoñendo da tecnoloxía máis avanzada e dando conta do esforzo e compromiso da sanidade pública galega a prol deste xeito de doazón.

Colaboración coas organizacións

Así mesmo, dentro de ENTPH, promovida conxuntamente entre a Organización Nacional de Transplantes (ONT) e as comunidades autónomas, un aspecto fundamental é a promoción da doazón e actividades desenvolvidas con asociación de doantes, para tentar mellorar e incrementar o coñecemento sobre este xeito de doazón.

Nesta liña de traballo, ADOS leva anos desenvolvendo iniciativas conxuntas con entidades como ADROVI, ASAMPO, FRANGIL e ASOTRAME. Con esta última entidade, a Consellería de Sanidade e ADOS asinaron a pasada semana un acordo de colaboración para fomentar iniciativas que permitan un maior coñecemento entre a cidadanía deste xeito de doazón, así como promover a captación de novos doantes.

En Galicia desenvólvense, de forma permanente, distintas campañas de promoción da doazón e actividades en colaboración con diferentes asociacións relacionadas co transplante de proxenitores hematopoéticos, co obxecto de mellorar a información que recibe a cidadanía e sensibilizar sobre a necesidade de contar cunha base de doantes adecuada. Neste eido, lembrar que, ao longo do presente curso académico, levaranse a cabo actividades de carácter divulgativo e de promoción no eido universitario, co gallo de desenvolvemento da campaña de doazón nas universidades galegas.

Os estudantes galegos e todos os membros da comunidade universitaria recibirán información sobre a doazón de medula ósea e desenvolveranse diferentes iniciativas encamiñadas a fomentar a inscrición de doantes no REDMO. Entre as accións programadas desde ADOS este ano, atópase a convocatoria dunha nova edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionados coa doazón e ou transplante de medula ósea, promovido desde a Coordinación Autonómica de Transplantes do Sergas. Julio García Comesaña indicou que o vindeiro mércores 22 de setembro terá lugar, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, o acto de entrega dos traballos premiados na última edición do antedito certame.

Redes sociais

Ademais, o conselleiro puxo en valor o traballo que desde ADOS se está a facer para impulsar unha potente campaña de comunicación a través de redes sociais (Facebook, twitter, Instagram), así como elaboración de contidos (YouTube), coa participación dos doentes, para dar a coñecer o valor dun transplante de medula ósea desde a perspectiva de quen o recibe.

Por último, o conselleiro de Sanidade salientou a positiva evolución no número de doantes inscritos por Galicia no REDMO ao longo do presente ano e, avanzou, que xa está a piques de superarse a cifra dos 799 doantes inscritos ao longo do pasado ano 2020, circunstancia que evidencia a positiva evolución do programa de promoción e captación do doantes de medula ósea.
 

Imaxes relacionadas