A porcentaxe de participación nas probas da OPE que se celebran hoxe supera o 80%

Presentáronse 572 opositores dos 714 que estaban admitidos para a cobertura de 209 prazas de facultativo especialista

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña visitou hoxe o recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, onde se celebraron os exames do concurso oposición para a cobertura de 209 prazas de facultativo especialista. Dos 714 aspirantes admitidos nas probas, presentáronse un total de 572, o que supón unha participación do 80,11%.
Por especialidades, en alergoloxía presentáronse 22 dos 25 aspirantes (88%), en anatomía patolóxica 29 de 32 (90,63%), anxioloxía e cirurxía vascular 34 de 43 (79,07%), cirurxía cardiovascular 21 de 22 (95,45%), dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía 36 de 41 (87,80%), endocrinoloxía e nutrición 39 de 57 (68,42%), hematoloxía e hemoterapia 65 de 84 (77,38%), medicina do traballo 10 de 12 (83,33%), medicina física e rehabilitación 47 de 56 (83,93%), medicina nuclear 17 de 23 (73,91%), neurocirurxía 22 de 27 (81,48%), neurofisioloxía clínica 12 de 16 (75%), oncoloxía médica 56 de 61 (91,80%), otorrinolaringoloxía 52 de 60 (86,67%), reumatoloxía 33 de 37 (89,19%), uroloxía 39 de 47 (82,98%) xeriatría 16 de 19 (84,21%) e médico de admisión e documentación clínica 22 de 52 (42,31%).
O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Ana Comesaña, agradeceu aos opositores o seu esforzo, así como a toda a organización que fixo posible que estas probas se leven a cabo. Quixo tamén destacar que Galicia sempre seguiu apostando pola estabilidade, ofertando sempre todas as prazas que permite a taxa de reposición.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

Imaxes relacionadas