A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, coa delegada da Xunta e o director xeral de Mobilidade, presidiu a xuntanza da Comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano de Vigo, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade

A Xunta propón un novo convenio do Plan de transporte metropolitano de Vigo, que permitiu que 94.000 veciños aforrasen case 9 M€ nos seus desprazamentos

Vázquez Mourelle salienta o éxito deste plan social, que desde a súa activación en abril de 2015 permitiu que se realizasen preto de 17 millóns de viaxes bonificadas

Sinala que case 74.000 persoas da área empregan a tarxeta TMG para realizar os seus desprazamentos cotiáns, con aforros que roldan os 600 euros ao ano

Subliña que 20.200 mozos de menos de 21 anos da área de Vigo viaxan de balde en autobús ou en barco coa tarxeta Xente Nova, cuxo uso se estendeu a toda Galicia

Remarca que os novos contratos de transporte público incrementaron o 78% das liñas ao servizo dos veciños da zona

O novo convenio entre a Xunta e os 12 concellos, cunhas condicións similares ao vixente, prevese asinar a mediados de decembro

Vigo, 17 de setembro de 2021

A Xunta propuxo hoxe un novo convenio do Plan de transporte metropolitano de Vigo, que desde a súa posta en marcha no ano 2015, permitiu que 94.000 veciños aforrasen case 9 millóns de euros nos seus desprazamentos.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión de seguimento da Área de Transporte Metropolitano de Vigo, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, que versa sobre a mobilidade sostible, saudable e segura.
O Goberno galego, considerando o balance de éxito que supón o Plan de transporte metropolitano da área de Vigo, presentou un novo convenio para dar continuidade a este plan social e continuar coas bonificacións aos usuarios.
Vázquez Mourelle indicou que o obxectivo é poder asinar o novo convenio entre a Xunta e os 12 concellos, con condicións similares ao actualmente vixente, cara a mediados de decembro.
Na reunión da comisión de seguimento desta mañá avaliouse o funcionamento deste plan social activo desde abril de 2015, que supón aforros económicos para os veciños e aposta polo transporte público colectivo, en liña coas directrices de crecemento verde da Unión Europea.
Ethel Vázquez salientou o éxito do funcionamento desta iniciativa, pois desde abril de 2015 realizáronse ao abeiro deste plan social preto de 17 millóns de viaxes bonificadas.
Detallou que ata a chegada da pandemia, que supuxo restricións de mobilidade, o uso do transporte público rexistrou un incremento de máis do 21%, asociado á posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo. Concretou que no ano 2016 se realizaron case 2,7 millóns de viaxes bonificadas dentro do Plan e no 2019 se acadou a cifra de 3,2 millóns.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembrou que esta área conta cunha singularidade, que é o transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e de Moaña, que representa o 40% do total de viaxes bonificadas.
Tamén se referiu ás preto de 74.000 persoas da área de Vigo que empregan a tarxeta TMG, de transporte metropolitano, para realizar os seus desprazamentos cotiáns, con aforros que roldan os 600 euros ao ano.
Fixo fincapé nos 20.200 mozos de menos de 21 anos da área que xa viaxan de balde en autobús ou en barco coa tarxeta Xente Nova.

Novos contratos

Na reunión tamén se analizaron os novos contratos de transporte público, que permitiron un incremento do 78% nas liñas, ao servizo dos veciños da área de Vigo, comparando a situación de 2017 e a actual. Ademais estes contratos melloraron as conexións dos concellos da área cos principais centros de demanda, como o hospital ou o campus universitario.
Ethel Vázquez lembrou o seguimento continuo dos servizos de transporte que vén facendo a Xunta co fin de que se adapten mellor ás necesidades da xente. Puxo como exemplo a adaptación dos horarios do transporte público entre Baiona e o Campus de Vigo, que será efectiva desde o vindeiro luns día 20.
A conselleira tamén remarcou a extensión da tarxeta Xente Nova a toda Galicia, o que permite que os mozos menores de 21 anos de calquera concello poidan viaxar gratis por todo o territorio en calquera das 3.300 liñas de autobús da Xunta.
Avanzou que a Xunta segue traballando para estender a toda a comunidade as vantaxes e os descontos no prezo dos billetes de autobús das que xa desfrutan os cidadáns nas áreas de transporte metropolitano, coa próxima creación da Área de Transporte de Galicia.

Imaxes relacionadas