A Xunta adxudica por 100.000 € a redacción dos proxectos de interese autonómico e de urbanización do parque empresarial de Pontecesures

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia adxudicou a redacción do Proxecto de interese autonómico (PIA) e do proxecto de urbanización do futuro parque empresarial de Pontecesures, na provincia de Pontevedra, á empresa Proyfe, por un importe de 99.730 euros e un prazo de execución de 13 meses.

Está previsto que o polígono de Pontecesures ocupe unha superficie de arredor de 304.000 metros cadrados, dos que máis de 182.000 se destinarán a parcelas de uso industrial e comercial.

Esta extensión dividirase nunhas 21 parcelas, aínda que os datos exactos serán determinados polo propio PIA e mais o proxecto de urbanización. O futuro parque estará emprazado entre as estradas N-550 e a PO-548.

Os proxectos terán en conta a contorna que rodea o ámbito concentrando as zonas verdes e as libres nas áreas próximas ás vivendas ou equipamentos existentes, onde tamén se situarán as parcelas destinadas a uso comercial que permiten a instalación de supermercados e tendas. Deste xeito, estableceranse bandas de transición entre as zonas actualmente dedicadas a uso residencial ou equipamento e o ámbito empresarial do futuro polígono.

Imaxes relacionadas