O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Rábade (Lugo) as instalacións de Congelados Sariego

Conde destaca a posición de liderado de Galicia no sector do conxelado ao facturar máis do 45% do total de España

Salienta que en Congelados Sariego está un dos elos da cadea de valor desta industria en Galicia; unha empresa que foi consolidándose como operador loxístico nacional e internacional especializado no transporte frigorífico de mercadorías

Pon esta firma como un modelo a seguir agora que a Xunta acaba de poñer en marcha a Estratexia de Internacionalización co obxectivo de acadar os 25.000M€ en exportacións en 2025

Insiste en que o Goberno ten que ser quen de habilitar medidas que abaraten o prezo da luz, porque afecta directamente a moitos fogares pero tamén á competitividade da industria

Rábade (Lugo), 17 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Rábade (Lugo) as instalacións de Congelados Sariego, onde destacou a posición de liderado de Galicia no sector do conxelado, ao facturar máis do 45% do total de España.

Conde apuntou que Galicia, onde o produto conxelado ten un peso moi relevante no sector industrial e comercializador de produtos pesqueiros, acolle catro de cada dez empresas de todo o país dedicadas a este sector e dá emprego a máis de 6.800 traballadores e traballadoras.

Segundo dixo, en Congelados Sariego está un dos elos da cadea de valor desta industria en Galicia; unha empresa que foi consolidándose como operador loxístico nacional e internacional especializado no transporte frigorífico de mercadorías sen abandonar a venda ao por menor.

Asentada desde hai case 30 anos no polígono de Rábade, Congelados Sariego conta xa con outras cinco delegacións repartidas polas catro provincias galegas. Factura máis de 23M€, dá emprego a máis dun cento de traballadores e distribúe peixe ultraconxelado en España e na maior parte de países de Europa, polo que, en palabras do vicepresidente económico, é un modelo a seguir agora que a Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha a Estratexia de Internacionalización co obxectivo de acadar os 25.000M€ en exportacións en 2025.

Conde tamén quixo poñer de manifesto como afecta a esta industria a alza do prezo eléctrico por ser un sector para o cal o custo da enerxía é vital para o desenvolvemento normal da súa actividade. Por iso, volveu insistir en que o Goberno ten que ser quen de presentar unha estratexia, en lugar de medidas soltas, para abaratar o prezo da luz, porque afecta directamente a moitos fogares pero tamén á competitividade da industria.

Imaxes relacionadas