A Xunta de Galicia salienta as artes como potenciadoras da creatividade das persoas con discapacidade

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá a entidade IgualArte, con sede en Vigo

Neste centro son 19 as prazas financiadas pola Xunta de Galicia cun investimento de máis de 120.000 euros
 

Vigo, 17 de setembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapas visitou esta mañá o centro ocupacional da Fundación IgualArte, dedicado a formar ás persoas con discapacidade cara un futuro profesional relacionado coas artes.

González Abeijón aproveitou a visita para percorrer as instalacións do centro e coñecer de primeira man os programas levados a cabo no mesmo, onde a formación parte do ensino global das artes escénicas ata conseguir a especialización nalgunha das áreas artísticas potenciando as habilidades individuais e sociais de cada persoa.

O director xeral puxo en valor o labor destas asociacións, que día a día traballan polo benestar e a mellora da calidade de vida dos usuarios. Ademais, recoñeceu a importancia que ten a presenza da arte para axudar ás persoas con discapacidade, xa que lles permite crear e desenvolver ao cen por cen as súas capacidades psíquicas.

Neste centro se veñen de contratar cinco novas prazas financiadas pola Xunta de Galicia, o que suporá un incremento de máis de 15.000 euros anuais. Con este aumento ascenden a un total de 19 as prazas subvencionadas nestas instalacións grazas a un investimento de máis de 120.000 euros.

Imaxes relacionadas