A conselleira de Política Social visitou as instalacións municipais nas que a asociación Carabelo de Lalín realiza reforzo educativo a nenas e nenos en risco de exclusión

Fabiola García anuncia un aumento de máis de 700.000 euros na Orde de axuda aos concellos para desenvolver programas de inclusión social

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova orde de axudas para o período 2021-2023, que supera os 6,2 millóns de euros, fronte aos 5,5 da anterior

As actividades financiadas poden ser aquelas que permitan a adquisición de formación básica ou laboral, a realización de actuacións de mediación intercultural ou programas de educación e apoio familiar

O período para desenvolver os programas subvencionados aumenta de 20 a 22 meses

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, adiantou esta mañá, durante unha visita ás instalacións municipais nas que a asociación Carabelo imparte reforzo escolar a nenas e nenos de familias en risco de exclusión social, o aumento de máis de 700.000 euros na orde de axuda aos Concellos para desenvolver programas de inclusión social. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria para o período 2021-2023, que supera os 6,2 millóns de euros, fronte aos 5,5 da anterior, o que supón un 12% máis.

Fabiola García resaltou a importancia da colaboración entre Xunta, Administracións locais e entidades sociais para atender do mellor xeito posible ás persoas que están a pasar por dificultades. Neste sentido, recordou que na convocatoria 2019-2021 o Concello de Lalín recibiu 34.000 euros para actividades de reforzo escolar nas instalacións nas que desenvolve o seu labor a asociación Carabelo con persoas en situación de risco e a posta en marcha de itinerarios de acceso ao emprego, entre outras accións.

As actividades financiadas poden ser aquelas que permitan adquisición de formación básica ou laboral adaptada ás necesidades dos destinatarios; a realización de actuacións de mediación intercultural ou de carácter residencial e programas de educación e apoio familiar.

Nesta convocatoria o período para levar a cabo os programas subvencionados aumenta de 20 a 22 meses, para que os proxectos teñan maior estabilidade financeira e poidan ter marxe para ser máis ambiciosos. Ademais, por segunda vez, inclúese un programa específico para atención ás persoas sen fogar, na liña do Plan pioneiro que ten en marcha a Xunta de Galicia para axudar a este colectivo a superar a súa situación.

Imaxes relacionadas