O Sergas licita por 629.200 euros a compra de ecógrafos con destino aos servizos de urxencias e de xinecoloxía dos seus hospitais

A Xunta continúa a desenvolver, coa adquisición desta aparataxe, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario, para o que destina, no presente ano, 60 millóns de euros

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

O Sergas vén de publicar a licitación, por un importe de 629.200 euros, do subministro de 16 ecógrafos con destino aos Servizos de Urxencias e de Xinecoloxía e Obstetricia de diversos hospitais da rede sanitaria pública galega. A data límite de presentación de ofertas será o 4 de outubro.

Esta contratación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación das sete áreas sanitarias de Galicia, xa que a necesidade de realización de estudos ecográficos óptimos e de precisión nas distintas patoloxías ten un papel importante no seu prognóstico e seguimento.

Cómpre remarcar que, ademais de aos hospitais universitarios de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol, este contrato contempla tamén a necesaria dotación de equipamento aos hospitais comarcais do Sergas, incluíndo 6 novos ecógrafos, cun importe aproximado de 40.000 euros por unidade, para os hospitais públicos de A Mariña, O Salnés, Monforte de Lemos, Cee, Verín e Valdeorras.
O equipamento obxecto deste expediente é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Sinalar, así mesmo, que o Executivo galego vén de publicar, recentemente, a licitación, por un importe de 5,6 millóns de euros, da subministración de 48 ecógrafos con destino aos Servizos de Radiodiagnóstico de diversos centros sanitarios do Sergas.

60 millóns para equipamento sanitario

A Xunta de Galicia continúa a desenvolver, coa adquisición desta aparataxe, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, un presuposto de 60 millóns de euros.

Froito dese plan, xa se acometeron neste ano outras dúas licitacións: un investimento de 4,3 millóns para a adquisición de 37 equipos radiocirúrxicos para os hospitais do Sergas e a adquisición de sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci para todas as áreas sanitarias.