A Xunta expón no 22º Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria de Málaga os avances acadados na integración sociosanitaria

A Dirección Xeral de Asistencia Integral Sociosanitaria explicou na segunda xornada da cita sectorial os progresos realizados no novo modelo de atención personalizada para as persoas maiores

Málaga, 16 de setembro de 2021

A Dirección Xeral de Asistencia Integral Sociosanitaria expuxo hoxe, na segunda xornada do 22º Congreso Nacional de Hospitais e Xestión Sanitaria de Málaga, como se está a xerar o novo ecosistema Sociosanitario baseado nun modelo innovador de atención personalizado para os nosos maiores. A ponencia foi impartida de xeito telemático polo xefe do Servizo de Planificación, innovación asistencial e Xestión da Información, Alfredo Silva Tojo.

Durante a súa intervención, Silva Tojo fixo fincapé na importancia de adaptarse ás necesidades das persoas maiores, que son as que reciben os coidados. Este novo modelo debe avanzar, así, cara un envellecemento activo, que permita tanto aos coidadores como aos familiares desfrutar dun modelo proactivo e preditivo, garantindo a eficacia e a eficiencia necesaria para chegar a todos os maiores da nosa Comunidade.

Neste senso, a posta da Consellería de Política Social pasa por unha proposta personalizada, cun modelo de coidados máis integral e multidisciplinar, que ten como piares fundamentais a innovación na integración e na humanización sociosanitaria. Para conseguir isto, é necesario mellorar a integración dos sistemas de información, a coordinación entre ámbitos sanitarios e sociosanitarios, a continuidade asistencial dos procesos e a eficiencia asistencial para dar unha resposta rápida, pero sobre todo de calidade, ás necesidades e demandas das persoas maiores.

Imaxes relacionadas