A Xunta adxudica dúas novas vivendas de promoción pública na rúa San Francisco 15 no casco vello vigués

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Marta Fernández-Tapias, deu apertura hoxe ao sorteo na fase final de adxudicación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo

Destaca a intensa labor desenvolvida polo organismo rehabilitador, que supuxo a adquisición de 82 inmobles e a posta no mercado de 113 vivendas no barrio histórico

Vigo, 16 de setembro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, deu apertura hoxe ao sorteo de dúas novas vivendas de promoción pública na rúa San Francisco 15 no barrio histórico na fase final de adxudicación por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
O sorteo, que se celebrou a porta pechada por mor da covid-19, restrasmitido por streaming desde a páxina web do CCVV e ante notario como é preceptivo, permitiu establecer a orde na que os 46 solicitantes admitidos optaban a este inmoble.

Dúplex

Estas vivendas son o resultado da intervención do Consorcio Casco Vello de Vigo sobre un edificio adquirido por este organismo en setembro de 2018 tras un investimento próximo aos 340.000 euros. O proxecto firmado polo arquitecto Rafael Cabeza Rey- Stolle, presenta unha división dos catro niveis en dous apartamentos tipo dúplex, cada un deles con acceso independente por distintas fachadas, aproveitando a diferenza de cota existente entre a parte dianteira e traseira da construción.
Deste modo, a vivenda que ocupa o primeiro e segundo andar ten unha superficie útil de 110,54 m2, mentres que a das plantas superiores alcanza os 119,65. Ambas contan con tres dormitorios, un baño, un aseo e un salón-comedor-cociña. O prezo da primeira ascende a 188.000 euros e o da segunda elévase ata os 210.000 euros.
Neste sentido, Fernández-Tapias destacou a intensa labor de rehabilitación desenvolvida polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 113 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que, polo momento, carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Imaxes relacionadas