Fernández-Tapias e Luis López destacan a importante contribución do Pesca 1 ao control e salvamento no litoral sur de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o seu homólogo pontevedrés visitaron as instalacións da Consellería do Mar en Peinador, base do helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia

A colaboración entre Gardacostas e a Policía Autonómica na loita contra o furtivismo permitiu a incautación de máis de 260.000 útiles na última década

Vigo, 16 de setembro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o delegado en Pontevedra, Luis López, destacaron hoxe a importante contribución do Pesca 1 do Servizo de Gardacostas ao control e salvamento no litoral do sur de Galicia.
Así o aseguraron nunha visita esta mañá ás instalacións da Consellería do Mar no aeroporto vigués de Peinador, base do helicóptero, nas que tiveron a oportunidade, acompañados polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, de coñecer ás tripulacións a cargo do Pesca 1. O equipo que durante 24 horas, os 365 días, vixía a costa desde A Guarda ata cabo Fisterra.
Segundo informaron, o Pesca 1 cubre calquera emerxencia que faga necesaria a intervención dun helicóptero con grúa externa en Galicia e desprázase ata Portugal en función das misións ou a requirimento do país veciño, ao non contar este cun medio aéreo de rescate marítimo nocturno.
Deste modo, ao labor de control e inspección que exercen sobre os pesqueiros, co obxectivo de detectar e comunicar posibles infraccións, contan cos medios necesarios para realizar todo tipo de rescates e evacuacións. A nivel técnico está dotado con grúa de rescate, cámara de infravermellos, focos de busca, GPS, equipos de comunicación e gravación de última xeración, eslinga, cesta e cama de rescate.
Asemade, indicaron que existe un traballo conxunto entre os servizos das Consellerías do Mar e a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a través do 112 de Galicia para a protección das persoas ou os bens que se atopan en risco, non só no mar, senón tamén en zonas de difícil acceso por terra.
Como dato, os delegados territoriais sinalaron que a colaboración entre o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Policía Autonómica na loita contra o furtivismo permitiu a incautación de máis de 260.000 aparellos empregados para a actividade marítimo-pesqueira ilegal e o comiso de máis 1,3 millóns de quilos de distintas especies de peixe e marisco entre os anos 2010 e 2020.
Galicia é a única Comunidade autónoma de España en contar cun servizo de gardacostas propio, unha das apostas blindadas do Goberno galego para avanzar na loita contra o furtivismo e tamén contra a contaminación mariña. Dentro desta aposta enmárcase a dotación de recursos e medios materiais como os oito drons, catro deles submariños e outros catro aéreos, que Gardacostas sumou recentemente ao seu equipamento. Estes medios únense ao plan de renovación parcial da frota que o Goberno autonómico está a desenvolver no Servizo de Gardacostas de Galicia e que conta cun investimento de máis de 12 millóns de euros.

Imaxes relacionadas