A Xunta inviste 35,2 M€ para que as sete áreas sanitarias de Galicia conten co material funxible necesario para o funcionamento dos robots cirúrxicos Da Vinci

Feijóo sinala que estes robots teñen múltiples vantaxes no estritamente cirúrxico; supoñen unha maior seguridade e calidade para os pacientes e, no que respecta aos hospitais reducen a estadía postoperatoria

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe de que o Consello da Xunta autorizou o investimento de 35,2 millóns de euros para que as sete áreas sanitarias de Galicia conten co material funxible necesario para o funcionamento dos robots cirúrxicos Da Vinci.

A licitación realizarase pola fórmula de Acordo Marco mediante único lote e o prazo máximo de duración é de 4 anos, considerando o prazo ordinario máis prórrogas.

O presidente da Xunta lembrou que a Xunta está a investir 20,5 millóns de euros nestes robots cirúrxicos Da Vinci e incidiu en que estes robots teñen múltiples vantaxes no estritamente cirúrxico xa que melloran a destreza nas intervencións laparoscópicas, incrementan a precisión e facilitan os movementos do especialista.

Ademais, para os pacientes supoñen unha maior seguridade e calidade e, no que respecta aos hospitais, “reducen a estadía postoperatoria”, explicou o presidente da Xunta.
 

Imaxes relacionadas