A Xunta e o Concello de Monfero asinan un convenio de colaboración para reformar o centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 32.418 euros, unha partida económica que será cofinanciada, a partes iguais, entre a Xunta e o concello

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Monfero, Andrés Feal, veñen de asinar un acordo bilateral no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pola directora xeral de Recursos Económicos, María Jesús Piñeiro, e polo xerente da Área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio.
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 32.418 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais pola Xunta e o concello. O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde e o papel de intermediación do delegado para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Monfero contarán a partir do ano que vén cun centro de saúde mellor e máis confortable.
As obras, logo do informe dos técnicos do Sergas, consistirán no pintado exterior e interior, a limpeza das fachadas de pedra, a substitución da fontanería e a reparación de falsos teitos.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 89 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, Novo Mesoiro (A Coruña), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Malpica-Buño, Marín, Santiago, Arteixo, Culleredo-Portádego, Ares e A Laracha, e importantes reformas no de Ortigueira, As Pontes e Ribeira. Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o centro de saúde de Milladoiro (Ames), Melide e Narón, e de asinar o protocolo para iniciar a construción do novo centro de saúde en Abegondo. E están xa en obras de reforma o de Bertamiráns e o de Mugardos. E temos asinados convenios para reformas ao 50% cos concellos de Bergondo e Valdoviño.
Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.
Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que se definirán as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que creouse unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.
Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009 xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este cuxo edificio está dedicado integramente ao fin sanitario.
Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.
Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

Imaxes relacionadas