Román Rodríguez convida a mergullarse no universo de Carballido a través da nova mostra do Museo do Pobo Galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou hoxe na inauguración de Seica na que se fai un percorrido polos primeiros anos de traballo do artista

A exposición reúne máis dun cento de obras elaboradas polo creador ourensán entre as que se inclúen colaxes, ensamblaxes, caixas e debuxos

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu hoxe no Museo do Pobo Galego á inauguración da mostra Seica de Xesús Carballido que ofrece un percorrido polos primeiros anos de traballo do artista.

Trátase dunha exposición na que, tal e como explicou o titular de Cultura do Goberno galego, queda reflectida a voz “singular e propia de Carballido que soubo plasmar nas súas creacións a memoria emocional de toda unha xeración elevando aquilo que nos é cotiá a categoría de obxecto artístico”. Neste senso, engadiu que o autor do Carballiño é capaz de revitalizar o pasado para dar forma ao presente “abrindo un diálogo que conecta ambos marcos temporais”.

Así, a nova mostra do Museo do Pobo Galego reúne unha retrospectiva que permite descubrir a súa obra e comprobar como foi evolucionando ao longo dos anos. “Con esta exposición podemos viaxar desde os seus primeiros pasos, cara comezos da década dos 90, ata chegar á fase de madurez”, precisou Román Rodríguez.

En total, Seica está composta por máis dun cento de obras elaboradas por Carballido entre as que se inclúen colaxes, ensamblaxes, caixas e debuxos. Nos seus traballos, o autor bota man de todo tipo de pequenos obxectos, desde tipos de imprenta a ferros forxados, restos de xoias ou etiquetas de produtos comerciais, para conformar as súas pezas.

Neste sentido, o artista traballa cunha linguaxe profundamente persoal, recuperando obxectos da vida cotiá para integralos e compoñer dunha maneira equilibrada unha nova obra de arte. Trátase de obxectos que deixaron de empregarse, que xa non teñen utilidade, e que adquiren de novo vida propia dentro da peza, evocando lembranzas, recordos e ideas.

Exposicións en Galicia, Francia ou Cuba

Xesús Carballido (O Carballiño, 1954) comezou a expoñer individualmente en 1992, en Noia, aínda que na actualidade as súas obras xa foron exhibidas na meirande parte das cidades e principais vilas galegas así como noutras urbes españolas e do resto do mundo.

De feito, colectivamente apareceu na terceira Mostra Unión Fenosa de 1993 e posteriormente a súa obra estivo presente en mostras de Ourense, A Coruña, Vigo, Castela A Mancha, Madrid, Francia e Santiago de Cuba. Do mesmo xeito, atópase representado na Colección de Unión Fenosa da Coruña, na Colección de Arte Abanca e na Fundación Granell de Compostela, así como noutras coleccións de Galicia e Cuba.

Imaxes relacionadas