O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe co comité de empresa de Alu Ibérica

A Xunta apela a unha maior implicación do Goberno para buscar a solución industrial en Alu Ibérica

Conde asegura que é necesario traballar conxuntamente para atopar unha saída industrial que garanta o mantemento da actividade e dos postos de traballo na planta e que favoreza a entrada de novos investidores

Trátase dun encontro previo ao que o Ministerio de Industria, a Xunta, os representantes dos traballadores, os sindicatos e o administrador concursal teñen programado manter o vindeiro venres

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou hoxe a unha maior implicación por parte do Goberno e, polo tanto, que demostre un maior compromiso na busca dunha solución industrial para Alu Ibérica. Así o manifestou logo de manter un encontro en Santiago de Compostela co comité de empresa da factoría coruñesa, previo ao que a Xunta, o Ministerio de Industria, os representantes dos traballadores, os sindicatos e o administrador concursal teñen programado manter, en principio, o vindeiro venres.

Conde asegurou que, á espera do informe sobre a situación real da planta e das solucións que poida expor o equipo do administrador xudicial, é necesario traballar conxuntamente para atopar unha solución industrial que garanta o mantemento da actividade e dos postos de traballo na planta e que favoreza a entrada de novos investidores.

“Neste momento a proposta consensuada cos traballadores é seguir traballando xuntos, comité de empresa e Xunta de Galicia, implicando tamén ao Goberno, para atopar unha solución industrial e poder traballar co administrador xudicial neste difícil contexto pero cun compromiso claro de atopar esa solución”, abondou Conde.

Imaxes relacionadas