A Xunta remata as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, en Vilamarín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe estas infraestruturas hidráulicas ao Concello

A intervención, cun investimento de 200.000 euros, mellora o abastecemento ao polígono industrial e permite paliar as deficiencias de subministro en época estival

Substituíuse o colector e os ramais necesarios para abastecer ás vivendas nos dous núcleos da parroquia de San Vicente de Readegós

Os traballos completáronse co acondicionamento das captacións de abastecemento e o seu cerramento perimetral

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de forma eficiente

Vilamarín (Ourense), 15 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de acondicionamento das captacións e mellora do abastecemento ao parque empresarial e os núcleos das Quintás e da Ría, no concello de Vilamarín. A titularidade das novas infraestruturas acaba de ser entregada hoxe ao Concello.

A intervención, cun investimento autonómico de 200.000 euros, permite a mellora do abastecemento no parque empresarial de Vilamarín, así como aos citados núcleos da parroquia de San Vicente de Readegós. A Xunta asumiu un investimento de máis 165.000 euros e o Concello a parte restante, preto de 35.000 euros.

As obras entregadas hoxe permitiron actuar para mellorar o subministro do parque empresarial, que dependía do depósito de Vilamarín e do de Bouzas, con captacións deficitarias que facían que en época estival o subministro fose insuficiente, así como o do depósito da Pena, que á súa vez se nutría do de Moure, no veciño concello de Coles.

Para mellorar este sistema de abastecemento executouse unha tubaxe que conecta co ramal que vén do depósito da Pena e á súa vez conecta co ramal que abastece ao parque dende o depósito de Bouzas. Isto permitiu formar unha rede cerrada en anel que estabiliza o caudal e a presión, e que posibilita tamén ter a opción de encher o depósito de Bouzas no caso de deficiencias.

Construíuse, tamén, unha nova arqueta de cabeceira xunto á existente da que partía o ramal existente, e que discorre por camiños ata chegar a un punto de conexión xunto á estrada nacional N-525, na que se colocou unha segunda arqueta e as válvulas de comporta necesarias para regular a interconexión das redes.

A intervención deseñada por Augas de Galicia nos núcleos de Quintás e da Ría, dá solución ao mal estado no que se atopaba o colector que conecta o depósito radicado en San Vicente de Readegós, do que se abastecen.

Neste núcleo, as obras centráronse na substitución do colector existente e dos ramais necesarios para abastecer ás vivendas pertencentes a eses núcleos. Instaláronse tamén válvulas redutoras de presión radicadas dentro de arquetas de formigón armado. Ademais, no interior de pozos de rexistro de formigón instaláronse ventosas nos puntos altos, baleirados nos puntos baixos, así como válvulas de comporta e bocas de rego.

Os traballos completáronse co acondicionamento das captacións de abastecemento existentes que non dispoñían de ningún sistema que impedira o acceso ás mesmas. Para iso realizouse a roza e cerramento perimetral con dúas filas de bloque de formigón e malla metálica, e para o acceso colocáronse portas.

Con esta intervención, o departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de forma eficiente.

Imaxes relacionadas