A Xunta presenta a reforma e ampliación do estadio do Couto que contará cun orzamento de 2,6 millóns de euros e un prazo de execución de sete meses

A obra principal terá un orzamento base de 1,6 millóns de euros aos que hai que sumarlles os máis de 250.000 euros para trámites de cesión e urbanización e mais outros 700.000 euros para a renovación do terreo de xogo

O sumatorio de actuacións levadas a cabo pola Xunta no Couto desde 2011 acada xa máis de 3 millóns de euros (3.117.351,59 euros)

Lete Lasa reuniuse tamén cos principais clubs e federacións da cidade para informarlles do destino dos 5,7 millóns de euros obtidos dos Fondos de Consenso, nomeadamente a nova liña de axudas para a reactivación do deporte galego, orzamentada con 4 millóns de euros
 

Ourense, 15 de setembro de 2021-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá o proxecto de reforma e ampliación do Estadio do Couto que contará cun orzamento de 2,6 millóns de euros e un prazo de execución de sete meses. O acto tamén contou coa presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.
Máis polo miúdo, Lete Lasa enumerou as principais tres vías de actuación que serán intervencións de reparación e rehabilitación estrutural, destinadas fundamentalmente a asegurar e protexer as estruturas para incrementar a súa vida útil; obras de renovación ou posta ao día de carácter funcional, cuxo obxectivo son os elementos superpostos ás estruturas, principalmente mobiliario (asentos) e instalacións; e as obras de ampliación demandadas, que se circunscriben ao edificio administrativo situado no fondo norte e que permitirán organizar de forma totalmente independente os usos puramente deportivos daqueles de carácter administrativo-social e representativa que o estadio demanda.
A obra principal terá un orzamento base de licitación de 1,6 millóns de euros e un prazo de execución de sete meses, aos que hai que sumarlles os máis de 250.000 euros para trámites de cesión e urbanización que demanda o Concello de Ourense e mais outros preto de 700.000 euros e un prazo de execución de 21 semanas para a renovación do terreo de xogo (céspede, rega, drenaxe…).
Ademais da posta a punto do campo que seguirá albergando o mellor fútbol da provincia, Lete Lasa salientou que a actuación beneficiará as federacións localizadas na instalación desde 2015 xa que poderán desfrutar dun complexo deportivo máis funcional e máis flexible.
O sumatorio de actuacións levadas a cabo pola Xunta no Couto desde 2011 acada xa máis de 3 millóns de euros (3.117.351,59 euros).

Fondos de Consenso

Instantes despois da presentación da obra do Couto, o secretario xeral para o Deporte mantivo un encontro de traballo cos principais clubs e federacións deportivas de Ourense para tratar o destino dos preto 5,7 millóns de euros que vén de obter a Secretaría Xeral para o Deporte do Fondo de Consenso e que se suman ao seu orzamento inicial.
1,7 millóns de euros foron destinados á segunda convocatoria de equipamentos, aprobada polo Consello da Xunta hai dúas semanas -que acadou o orzamento total de 2,6 millóns de euros- e os restantes 4 millóns destínanse a nova liña de axudas de reactivación da actividade deportiva no contexto da Covid-19.
 

Imaxes relacionadas