A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, mantiveron un encontro cos técnicos de PROMEDIO, de visita para coñecer a xestión do ciclo da auga que vén realizando a Xunta

A Xunta comparte co consorcio de xestión de servizos medioambientais da Deputación de Badaxoz a súa experiencia de traballo na xestión da auga en Galicia

Vázquez Mourelle traslada o apoio técnico e económico que presta a Xunta aos concellos no desenvolvemento das súas competencias municipais de saneamento e abastecemento para unha mellor prestación dos servizos da auga aos cidadáns

Explica os obxectivos da Lei de mellora do ciclo integral da auga que está a impulsar a Xunta, para achegar solucións globais ante as dificultades técnicas e económicas contrastadas que teñen os municipios para xestionar os servizos da auga

Pon en valor a implicación na xestión da auga da Deputación de Badaxoz, cun historial de traballo marcado polo apoio constante aos municipios
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro

A Xunta comparte co Consorcio de Xestión de Servizos Medioambientais da Deputación de Badaxoz, PROMEDIO, a experiencia e o traballo que se está a desenvolver na xestión da auga en Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, mantiveron esta mañá un encontro de traballo cos técnicos de consorcio co que a Deputación Provincial de Badaxoz dá apoio aos concellos na xestión do abastecemento e a depuración dos municipios.

Este encontro enmárcase no común interese de ambos os dous organismos pola mellora constante na xestión dos servizos do ciclo integral da auga e no interese amosado por PROMEDIO de coñecer, de primeira man, a experiencia de xestión que vén realizando a Xunta no ámbito das súas competencias.

Augas de Galicia colabora cos concellos nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, prestando apoio técnico e económico para unha mellor prestación dos servizos aos cidadáns e segue a traballar para mellorar a prestación destes servizos, co impulso da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. A nova norma, que está agora mesmo en tramitación, ten como obxectivo prestar axuda aos concellos e achegar solucións globais ante as dificultades técnicas e económicas contrastadas que teñen para xestionar axeitadamente os seus servizos de auga municipais.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade defendeu a necesidade de colaboración das deputacións na xestión destas competencias locais dos concellos e amosou a súa satisfacción por poder intercambiar coñecementos cos técnicos da Deputación de Badaxoz, “implicada na xestión da auga”, e cun historial de traballo marcado polo apoio constante aos concellos no desenvolvemento das súas competencias.

Durante dúas xornadas, hoxe e mañá, os técnicos de Aygas de Galicia amosarán aos representantes do Consorcio PROMEDIO as principais liñas que a Xunta está a desenvolver na mellora dos servizos do ciclo da auga na Comunidade.

Na día de hoxe os técnicos de PROMEDIO coñecerán o traballo de Augas de Galicia na xestión do dominio público no eido de seguimento e control de vertidos na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a experiencia en pequenas instalacións de depuración municipal, e os proxectos de innovación que se desenvolven desde a entidade hidráulica da Xunta.

Durante a xornada de mañá, Augas de Galicia debullará a experiencia na explotación de Infraestruturas hidráulicas e, xunto cos técnicos do consorcio estremeño, visitarán as obras en execución da mellora da estación depuradora de Augas residuais dos Praceres e tamén a depuradora de Moraña.

Imaxes relacionadas