O 90% dos MIR galegos que realizaron a súa especialidade en medicina familiar e comunitaria nos últimos dez anos están a traballar no Sergas

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou no Parlamento a posta en marcha dun sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), medida pioneira en todo o Estado, enfocada á mellora da accesibilidade en atención primaria

Ademais, o Sergas publicará, de xeito inminente, unha instrución destinada a aumentar a calidade asistencial dos pacientes que acoden aos centros de saúde para o control do seu tratamento anticoagulante oral

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no Pleno do Parlamento, en resposta ás interpelacións dos grupos da Cámara relacionadas coa atención primaria, e ao respecto da continuidade dos profesionais que realizan a súa formación en Galicia, que, “dende o ano 2010 ata a actualidade, o 90% dos MIR galegos que realizaron a súa especialidade en medicina familiar e comunitaria están agora mesmo a traballar no Sergas”, sendo o 64% propietario da praza. Tamén reiterou a petición ao Goberno central da convocatoria extraordinaria de prazas MIR.

Asemade, o conselleiro anunciou que o seu departamento está a avanzar, a través dunha comisión de traballo, na mellora da accesibilidade aos servizos de atención primaria e na clasificación da demanda, coa implantación do sistema de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE). “Trátase dun sistema pioneiro en todo o Estado, no que todos os profesionais de primaria participan en equipo, cada un sempre dentro do seu marco competencial, para dar unha resposta aos pacientes que exporán o motivo da súa consulta”.

Con esta medida, “os doentes poderán ser citados de forma automática co profesional máis axeitado para resolver o problema que el mesmo expuxo, evitando, deste xeito, a citación indiscriminada, sobre todo co médico de familia, e optimizando as súas axendas”.

Outra das medidas anunciadas polo conselleiro para avanzar na reforma da atención primaria é a publicación, de forma inmediata, dunha instrución dirixida a todas as xerencias das áreas sanitarias, coa que se pretende aumentar a calidade asistencial a todos aqueles pacientes que acoden aos centros de saúde para o control do seu tratamento anticoagulante oral. “Este seguimento farase nas consultas e non en salas, como ata agora, fomentando así unha atención integral de maior calidade e unha maior flexibilidade para os pacientes, ao non limitar o horario de dita prestación”.

Así mesmo, estenderase a todas as áreas sanitarias o modelo que xa se está a aplicar con éxito nas de Ourense e Santiago, no que, fundamentalmente a enfermería, realiza o control deste tipo de pacientes.

Maior atención presencial

As reformas previstas e prometidas para atención primaria estanse a poñer en marcha tal e como se anunciaron, ao tempo que se está a traballar en novas cuestións. Estamos a falar, -dixo o conselleiro-, “dun modelo que permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as súas funcións neles, reorganizar a demanda, e levar a cabo accións que incrementen aínda máis a relación coa atención hospitalaria”.

O conselleiro incidiu en que está xa case rematada a implantación das axendas de calidade dos médicos, “que posibilitan unha reorganización da actividade segundo as características de cada centro e melloran a xestión dos tempos dos facultativos”, e xa se pechou, recentemente, o documento que definirá as axendas de enfermería para a súa posta en marcha nos vindeiros meses. De xeito inmediato, comezarán as reunións dos grupos de traballo que definirán as axendas de calidade para odontólogos, hixienistas dentais e matronas.

Avanzamos pois, -dixo o conselleiro-, cara a unha maior atención presencial co obxectivo fixado de chegar ao 60% a finais de ano. “Esta maior presencialidade virá da man dos pacientes, que xa poderán pedir cita a partir de mañá, tal e como se facía antes da pandemia”, coa opción de elixir presencial ou, no caso de que o paciente considere que pode ser atendido por teléfono, a cita será dese xeito.

Imaxes relacionadas