Arias destaca o respaldo da Xunta ao Caudal Fest, que patrocina con 33.000 euros no marco do Xacobeo 21-22

O delegado territorial de Lugo comprobou con responsables da empresa organizadora os preparativos do evento, que se celebrará entre mañá e o sábado en Lugo

Forma parte da marca FEST Galicia, impulsada pola Consellería de Cultura para potenciar o sector musical galego e fortalecer o seu potencial como recurso cultural e turístico
 

Lugo, 15 de setembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe o compromiso do Goberno galego co festival de música Caudal Fest, que se celebrará dende mañá e ata o sábado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Arias explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade patrocina o evento con 33.000 euros no marco da celebración do Xacobeo 21-22.

O delegado mantivo un encontro con representantes da empresa organizadora e comprobou os traballos de montaxe que se levan a cabo para acoller esta nova edición, adaptada ás restricións sanitarias en vigor. Neste sentido, gabou o esforzo dos promotores para “manter o festival con todas as medidas de seguridade e demostrar que a cultura non só é posible senón indispensable nestas circunstancias”.

O Caudal Fest está integrado na marca FEST Galicia, impulsada pola Xunta e que este ano inclúe o patrocinio de 13 coñecidos festivais galegos baixo o lema Un destino musical seguro. Deste xeito, o Goberno galego contribúe a potenciar eventos caracterizados pola calidade das súas propostas e a profesionalidade na súa organización, que dinamizan e xeran emprego no sector e exercen como reclamos culturais e turísticos.

Este xoves abrirán o festival Love of Lesbian, Iván Ferreiro e David Prado. O venres actuarán La M.O.D.A., Sen Senra, Shinova e Toundra; e o sábado pecharán o cartel Nathy Peluso, Bad Gyal, Kutxi Romero e Ladilla Rusa.
 

Imaxes relacionadas