Hoxe comeza o curso nos 80 centros que ofertan ensinanzas secundarias na provincia de Lugo

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, gaba no IES Ánxel Fole o esforzo da comunidade educativa no cumprimento dos protocolos de adaptación ao covid-19

Destaca a mellora das infraestruturas, con investimentos por máis de 10 millóns de euros en Lugo, e o reforzo do profesorado para “ofrecer un ensino seguro e de calidade”
 

Lugo, 15 de setembro de 2021

Hoxe comeza o curso nos 80 centros educativos que ofrecen ensinanzas secundarias na provincia de Lugo, que inclúen a ESO, Bacharelato, Formación Profesional, réxime de adultos e ensinanzas artísticas e deportivas. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañou ao alumnado do IES Ánxel Fole neste arranque lectivo que, lembrou, “afrontamos por segundo ano nun marco adaptado ao contexto provocado pola pandemia”.

Neste sentido, o delegado gabou o esforzo da comunidade educativa no cumprimento das medidas de seguridade; explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aplica un protocolo específico fronte á covid-19 nos centros e contratará a 2.095 docentes, tanto para o Plan Recupera como para asegurar os grupos burbulla, desdobres, aumento da oferta e novos programas educativos.

Así mesmo, a Consellería traballa na mellora das infraestruturas ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica Galega, con criterios de construción e reforma que atenden ás novas necesidades xeradas pola situación sanitaria.

Deste xeito, nos últimos meses desenvolvéronse na provincia obras que suman 10,4 millóns de euros de investimento, entre elas importantes reformas en centros de secundaria, como a rehabilitación integral do IES María Sarmiento de Viveiro, a ampliación do IES da Pinguela de Monforte de Lemos, ou a substitución de elementos exteriores no IES Lois Peña Novo de Vilalba e no de Monterroso.

No caso concreto do IES Ánxel Fole estase a ultimar a reforma dos aseos, logo de que durante o curso pasado se acometera o arranxo do ximnasio, proxectos que suman un orzamento de case 50.000 euros.

No que respecta ao alumnado, hoxe regresan ás aulas máis de 15.000 alumnos e alumnas lucenses nos niveis de Ensino Secundario Obrigatorio, Bacharelato e ensinanzas especiais; tamén os de Formación Profesional, que aínda non pechou a matrícula.

As principais novidades do curso céntranse precisamente neste nivel educativo, que consolida a súa excelencia coa implantación de másteres, títulos de especialización que se circunscriben a áreas de futuro como a intelixencia artificial e big data ou a ciberseguridade. A cidade de Lugo oferta cinco másteres -só a precede Vigo, con seis- nos CIFP Politécnico e As Mercedes e no IES Muralla Romana.
 

Imaxes relacionadas