A conselleira do Mar participou na inauguración da segunda xornada do I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica

Galicia pon en valor a gastronomía e a práctica da pesca responsable como aliados no consumo de produtos do mar

Rosa Quintana puxo de relevo o valor de campañas como GALICIA SABE AMAR e do labor da Fundación Dieta Atlántica da Universidade de Santiago de Compostela para concienciar á cidadanía da importancia dos peixes e mariscos na alimentación

A xornada de hoxe en Ribeira é a segunda e final deste foro e está centrada en diferentes cuestións relacionadas coa gastronomía e coa divulgación dunha produción sostible

Para abordar estes temas conta coa participación da chef da Tafona e Estrela Michelín, Lucía Freitas; o catedrático de bioquímica da Universidade de Granada e presidente da Fundación Iberoamericana de Nutrición, Ángel Gil, e co catedrático de Enxeñaría Química da USC e tamén membro da Fundación Dieta Atlántica, Gumersindo Feijóo
 

Ribeira (A Coruña), 14 de setembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo hoxe fincapé no papel fundamental que xogan a práctica dunha actividade pesqueira sustentable e a gastronomía para impulsar o consumo de produtos do mar. Así o sinalou na apertura da segunda xornada do I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica, DIETLÁNTICA, que se celebra esta tarde na lonxa de Ribeira.

Alí a titular de Mar tamén destacou que os peixes e mariscos son “un auténtico motor da economía galega”, que move cada ano máis de 150.000 toneladas anuais de peixes, mariscos e algas nas lonxas e que produce máis de 250.000 toneladas de mexillón e outras especies de acuicultura. Ademais puxo de relevo o seu importante papel dentro dunha alimentación sa e equilibrada.

Nesta liña, subliñou a necesidade de protexer o medio mariño para preservar ao mesmo tempo o consumo saudable dos seus produtos. Un xeito de facelo, especificou, é desenvolvendo unha actividade pesqueira sustentable e respectuosa co medio ambiente. A conselleira tamén sinalou que os peixes e mariscos identifican a Galicia e á súa gastronomía e xogan un importante papel na alimentación. Tamén puxo en valor a importancia da gastronomía na concienciación da cidadanía para consumir produtos de calidade.

Neste sentido, fixo fincapé no valor das campañas de promoción de consumo de peixe e marisco en fresco ou en conserva, un ámbito no que a Xunta leva traballando máis dunha década. Neste eido, Rosa Quintana fixo referencia á actual iniciativa GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de comer peixes e mariscos e na gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.

Ao mesmo tempo, engadiu, esta campaña, á que preceden outras como Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco, é unha mostra do recoñecemento ao sector e ao seu papel vital no subministro de peixes e mariscos de calidade á cidadanía, especialmente en momentos de dificultade como os da pandemia da covid-19. Unha época, especificou, Rosa Quintana, na que “o sector do gran consumo mellorou as súas cifras grazas ás vendas nos lineais e nas canles en liña” e na que o sector marítimo-pesqueiro e o seu tecido produtivo “apostaron forte pola innovación para o desenvolvemento de produtos adaptados ás novas necesidades dos consumidores”.
Estas iniciativas de promoción, subliñou a titular de Mar, únense ao labor de difusión da calidade dos produtos do mar que realiza a Fundación Dieta Atlántica da Universidade de Santiago de Compostela, impulsora do I Foro DIETLÁNTICA xunto co Goberno galego.

O Foro

O obxectivo deste evento, que reúne a varios expertos do mundo sanitario, nutricional, educativo e gastronómico, é poñer en valor os beneficios da dieta atlántica na que se lle dá un gran protagonismo aos produtos do mar. Con ese fin o foro consta de dúas partes e pode seguirse de xeito gratuíto vía streaming a través da web https://fundaciondietatlantica.com/forodietlantica/.

A xornada de hoxe en Ribeira é a segunda e final deste foro e está centrada en diferentes cuestións relacionadas coa gastronomía e coa divulgación dunha produción sostible. Está moderada por Rosaura Leis e conta coa chef da Tafona e Estrela Michelín, Lucía Freitas; o catedrático de bioquímica da Universidade de Granada e presidente da Fundación Iberoamericana de Nutrición, Ángel Gil, e co catedrático de Enxeñaría Química da USC e tamén membro da Fundación Dieta Atlántica, Gumersindo Feijóo.

A primeira xornada que se celebrou onte en Santiago estivo máis relacionada co ámbito sanitario e nutricional e contou coa participación do endocrinólogo da Unidade de Obesidade do grupo HM hospitais e vicepresidente da Fundación Dieta Atlántica da USC, Felipe Casanueva; coa pediatra, profesora titular de Pediatría e presidenta do comité científico da Fundación Dieta Atlántica da USC, Rosaura Leis; o cardiólogo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), Guillermo Aldama, e o médico epidemiólogo, catedrático e director do departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade Autónoma de Madrid, Fernando Rodríguez-Artalejo.
 

Imaxes relacionadas