Política Social destaca o compromiso das asociacións dedicadas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta tarde o centro de dia e o ocupacional da Asociación de Padres de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo, onde a Xunta vén de contratar 3 novas prazas, que se suman ás 11 xa existentes

Pazos de Borbén (Pontevedra), 14 de setembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o Centro de día e o Centro ocupacional da Asociación de Padres de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo (Aspavi), dedicado a proporcionar desenvolvemento, protección e promoción integral ás persoas con discapacidade.

González Abeijón destacou o compromiso destas asociacións que día a día traballan polo benestar e a mellora da calidade de vida destas persoas, e salientou a importancia de prestar apoio, non só aos usuarios, se non tamén ás súas familias.

O director xeral aproveitou para percorrer as instalacións, no que se veñen de contratar tres novas prazas financiadas pola Xunta de Galicia, o que suporá un incremento de preto de 40.000 euros anuais. Con este incremento ascenden a un total de 14 as prazas subvencionadas nestas instalacións grazas a un investimento de máis de 160.000 euros. Así mesmo, a Xunta de Galicia destina outros 148.000 euros a sufragar os gastos de 20 prazas do centro ocupacional de Aspavi. Nestes centros se traballa cos usuarios en obradoiros de informática, agricultura ecolóxica, con actividades manuais, reforzo escolar e tamén con iniciativas destinadas á inclusión laboral.
 

Imaxes relacionadas