Lete Lasa presenta a XIX Volta Ciclista a Galicia como unha homenaxe a todos os que traballaron pola reactivación do deporte galego

Destaca o inicio da Volta en Ponteareas polos 35 anos da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta de 1986 e tamén apunta cara outros dous ponteareáns como Delio Rodríguez, o maior vencedor de etapas na Vuelta (39) e Borja Gómez, a primeira persoa con síndrome de Down que competiu nun Campionato de España, neste caso de ciclocross

Ponteareas (Pontevedra), 14 de setembro de 2021-

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación da décimo novena edición da Volta Ciclista a Galicia que terá lugar do vindeiro 16 ao 19 de setembro. O mandatario galego asegurou que a reedición da proba ciclista galega é unha homenaxe “aos deportistas, aos clubs, ás federacións, ás institucións, a todos os que puxemos o noso grao de area para levar adiante o deporte galego en todas as súas formas e todas as súas vertentes durante a pandemia provocada pola Covid-19”. “Un traballo que hoxe representa a federación galega, que volve celebrar con ilusión e profesionalidade a súa gran competición e que tamén representa a Xunta, pendente de que se cumpran os protocolos, as medidas de seguridade e que aposta, como apostará sempre, polo deporte feito en Galicia, polo deporte galego que salva vidas”, enfatizou.

Nas súas verbas, o dirixente do Deporte galego destacou 2021 como un ano de ciclismo galego xa que tras un novo paso da Vuelta ciclista a España polos concellos de Castroverde, Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, Sanxenxo, Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona, Mos e por suposto, Santiago, a Volta a Galicia colle a remuda para pasar por Ponteareas, Porriño, Salceda de Caselas, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, A Cañiza, Muras, Ourol, Viveiro, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Cariño, Ortigueira, Mañón, Cerdido e Cedeira.

Respecto do inicio no concello de Ponteareas, lugar onde tivo lugar a presentación do evento, Lete Lasa sinalou a efeméride dos 35 anos que se cumpren da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta de 1986. Neste sentido tamén destacou a outros dous ciclistas ponteareáns de gran calado como Delio Rodríguez, que conta co récord de maior número de vitorias na ronda española (39) e mais Borja Gómez, quen “derribou un muro, ao ser o primeiro ciclista con síndrome de Down en disputar un Campionato de España, neste caso o de ciclocross en 2018”.