A Xunta de Galicia destina máis de 47.000 euros á renovación da escola infantil de Campolongo

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro para comprobar de primeira man o resultado das melloras efectuadas

Entre as reformas atópanse a pintura das fachadas ou a substitución de pavimentos por tarimas

Esta operación enmárcase nun plan de actuación que o Goberno galego vai levar a cabo no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Pontevedra, 14 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia investiu máis de 47.000 euros na renovación da escola infantil de Campolongo, pertencente á rede pública autonómica. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe o centro para comprobar de primeira man o resultado das reformas efectuadas, que permitirán continuar acompañando ás nenas e nenos no seu retorno ás aulas para afrontar este novo curso 2021-2022.

Entre os traballos levados a cabo no centro pontevedrés destaca o pintado das fachadas no edificio das aulas, e o acceso á escola e aos interiores no edificio do comedor, así como a substitución de pavimentos por tarimas para a comodidade dos profesionais dentro da escola, entre outros. Esta operación encádrase nun plan de actuación que o Goberno galego vai levar a cabo no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
O director xeral subliñou que o Goberno galego segue a mellorar os servizos que están a disposición das familias galegas, dándolle cada vez máis posibilidades para desenvolver o seu proxecto de vida. Ademais, durante a súa visita Jacobo Rey recordou que para este novo curso a Xunta de Galicia adaptou o protocolo de prevención ao novo escenario que estamos a vivir, no que a gran parte da poboación xa está vacinada e no que o coñecemento sobre o virus é maior.
Entre as novidades destas medidas de seguridade atópanse a posibilidade de deixar o carriño dentro da escola, que os máis pequenos poidan empregar o calzado que traen da casa ou que poidan coincidir varias unidades estables de convivencia no exterior. A ventilación de espazos, a desinfección de mans ou o uso máscaras para os profesionais son algunhas das normas que se manterán vixentes.

Imaxes relacionadas