A Xunta e as asociacións de orquestras de verbena planifican o reforzo do apoio ao sector cunha nova serie de concertos dentro do Xacobeo 21-22

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e os representantes da Asociación Galega de Orquestras e da Asociación de Empresas da Verbena de Galicia mantiveron onte a terceira das súas reunións semanais para deseñar a ampliación da dotación e do centenar de actuacións e probas piloto incluídas no convenio asinado en xullo

Esta medida suporá un novo avance no apoio económico que as empresas de música de verbena veñen recibindo do Goberno galego desde 2020 para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e os representantes da Asociación Galega de Orquestras (AGO) e da Asociación de Empresas de Verbena de Galicia (Asevega) mantiveron onte pola tarde na Cidade da Cultura de Galicia a terceira das reunións semanais que están a desenvolver para planificar o reforzo do apoio que o sector vén recibindo por parte da Xunta para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

En concreto, estase a deseñar a ampliación da contía económica e das actividades previstas do convenio asinado o pasado mes de xullo no marco do Xacobeo 21-22 e a través do que inicialmente se destinaron 400.000 euros a cofinanciar máis de 100 concertos e probas piloto. Engadiráselles agora unha serie de novas actuacións nas cidades galegas, buscando un formato homoxéneo para todas elas e que garanta a seguridade tanto do público como dos artistas e técnicos participantes.

Reunións periódicas

As medidas consensuadas nestas reunións periódicas suporán un novo avance no apoio que o sector das orquestras vén recibindo por parte do Goberno galego, en atención á súa importancia tanto social como económica. De feito, a Xunta foi a primeira administración autonómica en adxudicar axudas específicas a este ámbito, no marco dun compromiso continuado, que se vén plasmando en numerosas xuntanzas para a articulación das diferentes liñas de colaboración.
Ademais do devandito convenio, asinado como parte do Plan de reactivación cultural, destaca tamén entre as vías de apoio ao sector o programa de subvencións a orquestras publicado en outubro de 2020, a través do que se adxudicaron a través de Turismo de Galicia 1.079.000 € a 51 empresas. Así mesmo, o pasado mes de abril a Xunta abriu a convocatoria de axudas para traballadores estacionais de orquestras e espectáculos prexudicados polos peches da covid-19, dotadas con 500.000 €, mentres que en xuño se aprobou o III Plan de Rescate para autónomos e pemes afectados pola crise da covid-19. As orquestras tamén poden beneficiarse deste novo plan ao igual que do previo, aprobado en febreiro.

Imaxes relacionadas