A Xunta concede axudas a 44 proxectos para impulsar a minaría sostible a través da mellora das condicións ambientais e laborais das empresas do sector

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destina 1,3M€ a iniciativas da industria de elaboración de rocha ornamental e minería

Estes apoios contribúen á aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación de melloras técnicas e medidas organizativas para reducir a incidencia da exposición ao po e o ruído

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de dúas novas convocatorias dos programas de axudas impulsados pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro, así como do sector de elaboración de rocha ornamental. Entre ambas as dúas, os apoios autonómicos suman máis de 1,3 millóns de euros, repartidos entre 44 proxectos: 26 empresas mineiras –1.016.839– e 18 de marmoristas –300.000 euros–.

Deste xeito, a Administración galega busca contribuír a seguir impulsando a minaría sostible en Galicia favorecendo a aplicación de tecnoloxías innovadoras e a implantación de melloras técnicas e medidas organizativas dispoñibles para a loita contras as enfermidades profesionais, en especial as derivadas da exposición ao po e o ruído. Trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico.

Así, estes incentivos servirán para levar a cabo investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico e reducir as enfermidades profesionais, especificamente as que se poidan derivar dunha exposición prolongada ao po e o ruído. Entre as actuacións subvencionables inclúese a instalación de extractores; a compra de pulidoras de cantos; a reforma de vestiarios, instalacións de lavanderías ou instalación de sistemas de filtrado mediante mangas.

Con estes programas de apoio, a Xunta volve demostrar o seu compromiso cunha minaría –así como con actividades derivadas da mesma– segura, sustentable e capaz de xerar valor e emprego na Comunidade.

Imaxes relacionadas