A Xunta e a SIPD presentan o libro que recolle as 50 ‘Pílulas solidarias’ que chegaron a máis de corenta países durante o confinamento

O libro estará dispoñible na súa edición dixital na páxina web do Deporte Galego a partir da semana que vén, tanto en galego como en castelán

Santiago, 13 de setembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o presidente da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD), Joaquín Dosil, presentaron esta mañá na sede compostelá da sociedade, o libro (en galego e castelán) coeditado por ambas entidades que recolle as 50 ‘Pílulas solidarias’ emitidas para os deportistas de máis de corenta países -México, Guatemala, Nicaragua, Costa Rica, Porto Rico, Cuba, Honduras, Ecuador, Perú, Colombia, Venezuela, Brasil, Uruguai, Paraguai, Arxentina, Chile, España e Portugal, entre outros- durante dez semanas ao longo do período de confinamento.

Nas verbas do mandatario galego, cando o pasado 30 de marzo, o COI anunciou o cambio das datas de Toquio 2020, Galicia xa estaba facendo os deberes no eido deportivo como demostran o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, a ferramenta ‘Adestra na casa’, ou as ‘Pílulas solidarias’, unha iniciativa que comezou tan só seis días despois de ser declarado o estado de alarma. Lete Lasa destacou a gran capacidade de colaboración e traballo en equipo do deporte galego que conseguiu manter o seu excelente estado de saúde como demostran os resultados nos Xogos, onde o 72% dos deportistas olímpicos galegos e o 87,5% dos paralímpicos galegos regresaron entre os oito mellores do mundo.

Neste sentido, subliñou a fortaleza dos deportistas galegos que entenderon o adiamento dos Xogos de Toquio como un período de crecemento persoal manténdose perseverantes e aceptando os retos do momento, e mellorando consecuentemente a súa aprendizaxe.

As ‘Pílulas solidarias’ son un programa nacido para axudar á preparación e motivación dos e das deportistas, técnicos e técnicas, así como todos os representantes do tecido deportivo no período de confinamento derivado da declaración do estado de alarma pola expansión do coronavirus. O seu obxectivo principal foi intentar minimizar os prexuízos que esta situación puidera causar na preparación de todos os actores do noso tecido deportivo.

O libro estará dispoñible na súa edición dixital na páxina web do Deporte Galego a partir da semana que vén, tanto en galego como en castelán.

Imaxes relacionadas