A Xunta investirá máis de 975.000 euros nas obras de reforma do centro de produción de medicamentos CAR-T de Galicia

O Conselleiro de Sanidade informou hoxe a reitor da USC dos avances neste proxecto que se instalará en dependencias universitarias

O Executivo galego investirá un total de 2’5 millóns de euros para levar a cabo as tarefas de reforma e a adquisición do equipamento
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

A Consellería de Sanidade e Universidade de Santiago de Compostela mantiveron está mañá unha reunión de traballo na que, entre outros temas, abordaron o avance da posta en marcha do centro do produción de medicamentos CAR-T de Galicia que, en función do convenio asinado entre Xunta e USC o pasado 27 de maio, se ubicará nas instalacións desta Universidade.
Así, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou ao reitor da USC, Antonio López Díaz, de que durante o mes de agosto a Xunta de Galicia licitou por un importe de 975.285 €, o contrato de redacción de proxecto e reparación, adaptación e posta en marcha de salas brancas para o seu uso en terapias celulares avanzadas.
O Executivo galego investirá un total de 2’5 millóns de euros para levar a cabo as tarefas de reforma e a adquisición do equipamento preciso para pór en marcha o centro de produción de medicamentos CAR-T, e cuxas instalacións se emprazarán nos edificios que anteriormente acollían o Instituto de Ortopedia e o Banco de Tecidos Musculoesqueléticos.
Mediante a súa remodelación, as novas instalacións de produción celular, disporán de laboratorios de control de calidade, salas de criopreservación, ademais doutros espazos destinados a usos auxiliares e administrativos.

García Comesaña subliñou que o novo centro de produción de medicamentos CAR-T “situará a Galicia na vangarda dos tratamentos contra o cancro” e que, ademais, tamén será “un punto de referencia no eido do estudo e a innovación” grazas á creación da nova Unidade de Investigación de tratamentos CART-T, na que participarán conxuntamente o persoal do novo centro CAR-T, grupos de Investigación do sistema universitario de Galicia, ademais doutros institutos e organismos de investigación sanitaria.
 

Imaxes relacionadas