Trenor destaca un investimento de case 8 millóns de euros para 87 obras de mellora en centros educativos da comarca da Coruña

Gonzalo Trenor supervisou o avance das obras de rehabilitación integral do CEIP San Marcos de Abegondo que recibiu un investimento de máis de 820.000 euros

Ordes (A Coruña), 13 de setembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, supervisaron o avance das obras de rehabilitación integral do colexio CEIP San Marcos, de Abegondo, cun investimento de 820.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas características construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191M€. A actuación ten como eixos principais a mellora do illamento térmico, da eficiencia enerxética e da accesibilidade.

No que atinxe á eficiencia, o proxecto incluíu a substitución da totalidade da cuberta actual por outra de panel sandwich, a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro baixo emisivo, a colocación dun novo illamento exterior tipo SATE nas fachadas e a instalación de iluminación tipo LED tanto no edificio orixinal como nas ampliacións do mesmo.

Novo espazo para a biblioteca

En canto ás melloras de accesibilidade, vaise proceder á reforma das rampas de acceso ao edificio orixinal, e tamén dos aseos. Así mesmo, acondicionaranse dúas aulas para a instalación do novo espazo de biblioteca, cunha mellor ventilación e iluminación natural; e instalarase a aula de orientación no espazo que ocupaba o antigo almacén.
Segundo explicou Trenor, todas estas obras teñen un obxectivo primordial que é mellorar o confort dos máis de 300 alumnos e do plantel de profesorado que cada día interactúan neste centro “tanto desde o punto de vista académico como medioambiental e de accesibilidade”, que van en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura. Precisamente a este reto responde a rehabilitación integral que se vai acometer no CEIP San Marcos.

Investimento na comarca

Este investimento únese ás obras proxectadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade que contemplan 87 actuacións en centros educativos da comarca da Coruña cun investimento global de case 8 millóns de euros.

Segundo explicou Gonzalo Trenor ademais desta actuación en Abegondo, a Xunta ten previstas obras importantes en seis centros educativos da Coruña, en Curtis, Vilasantar e Culleredo por un importe total de máis de 3,3 millóns de euros.

O delegado da Xunta tamén destacou que se remataron este verán as obras no CEIP Ponte dos Brozos e no EEI de Coirós que supuxeron un investimento de máis de 691.000 euros . Ademais, a Xunta acometeu en un total de 69 centros educativos desta área obras de menor envergadura que suporán un investimento global de máis de 1,3 millóns de euros.

Trenor tamén explicou que, a pesar de que algunha obra pode verse afectada pola subministración de materiais que se está dando de maneira xeneralizada en todos os sectores industriais, todas as melloras nos centros educativos están deseñadas e planificadas para que, en ningún caso, incida no normal desenvolvemento do curso escolar.

 

Imaxes relacionadas