A Xunta inicia os traballos para a instalación de cerramentos na vía de altas prestacións CG-2.2 no Corgo para evitar accidentes pola irrupción de fauna

Estes traballos enmárcanse nun contrato que tamén inclúe a instalación deste cerramento na AG-64, en Sedes, en Narón, cun investimento global de 353.000 €

Na VAP Lugo-Monforte comezaron as tarefas de roza para a colocación dunha valla reforzada no tramo que vai do punto quilométrico 9 ao 11, no Concello do Corgo

Na AG-64, a obra abrangue un peche de seguridade e a adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 kg de arrastre para a contención dos xabarís

A Xunta segue adoptando medidas para mitigar a sinistralidade pola irrupción de animais nas estradas, con actuacións como a prevista na 1ª fase da autovía Nadela-Sarria, que contará con valla reforzada

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe os traballos para a instalación de cerramentos de seguridade na vía de altas prestacións Lugo-Monforte (CG-2.2), no Corgo.

Estes traballos forman parte dun contrato que tamén inclúe a instalación deste sistema na AG-64, na zona de Sedes, en Narón. As intervencións, cun prazo de execución de 4 meses, suporán un investimento global de preto de 353.000 euros.

No caso da vía de altas prestacións Lugo-Monforte, comezaron hoxe as actuacións de roza para proceder á colocación dunha valla reforzada no tramo que vai do punto quilométrico 9 ao 11, ao paso polo Concello do Corgo.

Na vía de altas prestacións AG-64, o cerramento desenvólvese no treito comprendido entre o punto quilométrico 9+000 ata o 11+000, no concello de Narón.
As obras consisten na substitución do cerramento existente por un peche de seguridade de 150 centímetros de altura libre sobre o terreo, para a contención de animais domésticos e fauna salvaxe como os corzos, moi abundantes na zona.

Ademais, o proxecto contempla a adaptación do chan cunha tensión de valla superior aos 1.000 quilos de arrastre para a contención dos xabarís.

O proxecto prevé tamén a instalación de ramplas de escape no cerramento para posibilitar a saída dos animais das estradas no caso de que consigan acceder ás mesmas e executaranse pasos antifauna nos ramais dos enlaces para impedir o acceso de animais.

Estas actuacións enmárcanse nas medidas específicas que está a poñer en marcha a Consellería de Infraestruturas para evitar os accidentes causados pola irrupción do xabaril nas estradas.

Así, por exemplo, a autovía Nadela-Sarria, cuxa 1ª fase se está a executar, tamén contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir estes sinistros.

Imaxes relacionadas