A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe na xuntanza convocada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para abordar a situación do porto e da fachada marítima da cidade

A Xunta aposta por pasar das palabras aos feitos na fachada marítima da Coruña e pechar xa o acordo para empezar a urbanizar Batería e Calvo Sotelo

A Xunta propón un marco xeral de colaboración para a reordenación do espazo portuario, que diferencia os terreos de Batería e Calvo Sotelo, nos que xa se pode actuar, do ámbito de San Diego, cuxa recuperación debe planificarse a medio prazo

Para Batería e Calvo Sotelo recóllese o acordo previo de que o Concello adquira o 75% do terreo e a Xunta e a Autoridade Portuaria, o 20% e o 5%, respectivamente, coa creación dun ente e a definición dos proxectos nunha comisión Porto-Cidade

O desenvolvemento de Batería e Calvo Sotelo concretarase nun convenio de colaboración, que recollerá que as achegas á urbanización se realicen na mesma proporción que a titularidade do terreo, conforme ao previsto na Lei do Solo

Proponse traballo inmediato para desenvolver os proxectos construtivos e optar ás diferentes convocatorias de fondos europeos

Para os terreos pendentes de liberar, na ‘zona 2’, o protocolo recolle impulsar no grupo de traballo interadministrativo a redacción dun novo Plan director que defina o seu futuro

Coruña, 13 de setembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade apostou hoxe por “pasar das palabras aos feitos” na fachada marítima da Coruña e pechar xa o acordo para urbanizar Batería e Calvo Sotelo, procurando aproveitar a oportunidade dos fondos europeos.
Ethel Vázquez participou na xuntanza convocada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, para abordar a situación do porto e da fachada marítima da cidade, na que tamén participaron o Concello da Coruña e Portos do Estado.
Vázquez Mourelle reiterou a disposición do Goberno galego para sumar esforzos e apostar por que os técnicos das tres administracións comecen xa a traballar nas propostas para presentar as convocatorias dos fondos europeos.
Subliñou que cómpre aproveitar a oportunidade dos fondos europeos de recuperación, os Next Generation, polo que é precisa axilidade na tramitación da conexión ferroviaria de Punta Langosteira, para conseguir que o traslado de operadores desde os peiraos interiores se produza nun horizonte temporal próximo.
Tamén remarcou a necesidade de axilidade para que os espazos liberados poidan urbanizarse e converterse en espazos públicos de referencia para os cidadáns, empregando os fondos europeos.

Proposta de acordo

Para acadar estes obxectivos, hoxe a Xunta presentou unha proposta para constituír un marco de colaboración entre administracións para a reordenación de todo o espazo portuario.
Trátase dunha proposta cuxa base é o documento presentado polo Concello no grupo de traballo interadministrativo que reuniu aos técnicos no Pazo de María Pita, aglutinando esa proposta municipal e os acordos acadados entre a Xunta, o Concello e a Autoridade Portuaria na xuntanza do 27 de agosto.
A conselleira destacou que o acordo respecta e recolle o traballo realizado ata agora, plasma os acordos xa acadados e aposta polo diálogo e o consenso en todas as decisións sobre a fachada marítima.
Ese marco de colaboración diferencia entre os terreos portuarios de Batería e de Calvo Sotelo, nos que xa será posible actuar a curto prazo, e o resto de espazos portuarios, cuxa recuperación debe planificarse máis a medio prazo.
Para os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, identificados como ‘zona 1’, o protocolo recolle a proposta municipal para a adquisición por parte do Concello do 75% do terreo e ratifica o compromiso da Xunta e da Autoridade Portuaria de facerse co 20% e o 5% restante, respectivamente.
Na xuntanza de hoxe, as administracións acordaron plasmar ese acordo nun convenio concreto de colaboración que recolla as anualidades concretas para a adquisición dos terreos e a súa urbanización na mesma porcentaxe á da titularidade de cada parte, tal e como establece a Lei do Solo.
As Administracións que adquiran o terreo constituirán un ente que, a través dunha comisión Porto-Cidade, definirá os proxectos construtivos de recuperación para uso público destes espazos da fachada marítima da Coruña.
Sinalou que en relación cos terreos portuarios aínda pendentes de liberar, na ‘zona 2’, o protocolo aposta, en consonancia coa proposta do Concello, por traballar no grupo de traballo interadministrativo para a redacción dun novo Plan director que defina o seu futuro.
Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia do consenso para a reordenación do Porto e a recuperación da fachada marítima, do traballo inmediato para a urbanización de Batería e Calvo Sotelo con fondos europeos e do diálogo para a definición do futuro dos demais espazos portuarios.

Imaxes relacionadas