As solicitudes de axudas por parte dos concellos para corrixir impactos paisaxísticos en edificios municipais xa esgotaron o orzamento reservado a esta liña

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abriu o prazo de presentación de solicitudes o sábado e durante as primeiras horas recibiu preto de 30 peticións

As entidades locais aínda poden acollerse á liña B destas subvencións, reservada para obras de acondicionamento ou renovación de equipamentos como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos e que ten dispoñible a metade do orzamento
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

A nova orde de axudas para corrixir impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos públicos municipais, de carácter pioneiro e impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) para avanzar na loita contra o feísmo, esgotou xa o pasado sábado, horas despois de que se abrira o prazo de presentación das solicitudes, o orzamento reservado a unha das súas dúas liñas de actuación.

Cómpre lembrar que estas subvencións van dirixidas a entidades locais de menos de 20.000 habitantes para axudalas a emendar o impacto negativo que poden causar sobre a contorna tanto edificios e dependencias que acollen servizos municipais —liña A, dotada con 400.000 euros— como determinado tipo de equipamentos públicos propiedade dos concellos —liña B, cun orzamento global tamén de 400.000 euros—.

En ambas liñas, o importe da subvención a percibir suporá o 70% do custo estimado da actuación, cun límite máximo de 25.000 euros no primeiro caso e de 10.000 euros, no segundo.

As actuacións subvencionables deberán adaptarse ou ben aos criterios fixados na Guía de cor e materiais de Galicia, ou ben aos da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados.

Tendo en conta a contía das solicitudes recibidas ata o de agora —ao redor dunha trintena— pode dicirse que o orzamento dispoñible para poder atender aquelas relacionadas con proxectos para renovar, acondicionar ou intervir sobre edificios e outras dependencias de titularidade municipal xa está esgotado.

En todo caso, os concellos interesados en acollerse a estas subvencións aínda poden optar á liña B. Neste sentido, o importe das peticións municipais recibidas ata o momento co obxecto de actuar en fontes, palcos de música, hórreos e lavadoiros públicos ascende aproximadamente á metade do orzamento dispoñible.

Neste sentido, cómpre subliñar que os concellos poden optar a recibir unha subvención por cada unha das liñas de actuación existentes de xeito que, en total, o importe máximo a percibir é de 35.000 euros.

Evitar o impacto paisaxístico de construcións particulares

Cómpre lembrar que esta nova orde de axudas súmase á liña de incentivos convocada en abril e dirixida, nesa ocasión, a propietarios individuais e comunidades de veciños co fin de emendar e corrixir impactos paisaxísticos en edificacións particulares.

Este programa tamén se pechou con gran éxito pois o orzamento inicial dun millón de euros ampliouse recentemente en 200.000 euros máis para poder atender o 100% das solicitudes presentadas e que cumprían cos requisitos fixados na propia orde, o que permitiu conceder ao redor de 450 axudas.
 

Imaxes relacionadas