Javier Arias reúnese cos veciños do Carqueixo de cara á reunión de mañá co concello sobre as paradas do bus urbano

Lugo, 13 de setembro de 2021

Ante a reunión de mañá solicitada polo Concello de Lugo para tratar sobre a localización de paradas do autobús urbano na rotonda da estrada autonómica LU-530, o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, mantivo esta mañá unha reunión cos veciños e veciñas da zona do Carqueixo. No encontro, acompañado por un técnico da Axencia Galega de Infraestruturas, Arias coñeceu a opinión destes usuarios ante a supresión da parada antiga na LU-530 e a posibilidade que solicita o Concello de instalala na citada rotonda.

De cara á reunión de mañá co Concello, o delegado da Xunta en Lugo analizou sobre o terreo as posibles alternativas que existen nesta estrada autonómica, respectando a seguridade viaria dos usuarios desta liña, que da servizo aos veciños e veciñas do Carqueixo e doutras parroquias como Barbaín. Aínda que as competencias do transporte urbano son do Concello de Lugo, a Xunta é a administración encargada de autorizar a instalación das paradas en vías de titularidade autonómica, como a LU-530.

Imaxes relacionadas